Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento demanda á xunta o impulso do cohousing ou as vivendas con equipamentos colectivos para persoas maiores

12 Dec 2017

Santiago, 12 de decembro de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación dunha proposición non de lei no Parlamento a través da que se demanda á Xunta a promover e impulsar formas alternativas de vivenda para as persoas maiores, como o cohousing ou as vivendas con equipamentos colectivos, nas que se fomente o envellecemento activo e se proporcione ás persoas maiores o pleno control sobre os espazos que habitan e o modo en que queren envellecer.


A proposición non de lei concreta como medidas a poñer en marcha favorecer ao sector privado o acceso a solo público ou vivendas para rehabilitación a través da cesión de uso, dereito de superficie, compravenda con pago aprazado ou arrendamento.


AXUDAS PÚBLICAS


Así mesmo, demándase a implantación de programas de asesoramento e información para dar a coñecer estas novas fórmulas  habitacionais, así como facilitar o acceso dos promotores deste tipo de vivendas colectivas ás axudas públicas.


O deputado popular Jaime Castiñeira sinalou que “a Xunta non é allea ao nacemento de novas modalidades residenciais”, recordando que no proxecto de Lei de rehabilitación xa se recollen programas para implantar plans de promoción do envellecemento activo e da convivencia interxeracional e impúlsanse medidas para posibilitar o acceso a axudas públicas para vivendas destinadas a este fin.


Así mesmo, Castiñeira apuntou que a Xunta xestiona “as chamadas vivendas comunitarias dirixidas a persoas cun alto grao de independencia, potenciando a autonomía e a privacidade das persoas usuarias ao tempo que se lles garante a seguridade e seguimento periódico da súa situación”.


Porén, o deputado popular explicou que “a atención profesional no propio domicilio ou no contorno familiar é a máis demandada pola poboación galega e os usuarios do sistema de dependencia”, polo que a Xunta está a incrementar o número de usuarios e de persoas atendidas a través dos recursos do Sistema de Atención á Dependencia como o Servizo de Axuda no Fogar, o sistema de libranzas ou o servizo de teleasistencia.

Síguenos nas redes sociais