Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento aproba a Lei que blinda o pago do 50% do recibo da luz aos fogares con menos recursos e evita que se lles poida cortar o subministro eléctrico

04 Dec 2017

Santiago, 4 de decembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición de lei, de iniciativa popular, de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética, que “blinda o pago por parte da Administración do 50 por cento do recibo da luz aos fogares con menos recursos, ao tempo que non se lles poderá interromper a subministración”, sinalou a portavoz de Enerxía, Marta Nóvoa.

 

Así mesmo, rexeitou, do mesmo xeito que 9 dos 10 expertos que compareceron na Comisión, a proposta de tarifa galega porque “Galicia non ten competencia nesta materia e sería un mal negocio económico para os galegos, que pagarían un 40 por cento máis de media”.

 


Marta Nóvoa salientou que coa aprobación desta nova lei “Galicia é pioneira na reformulación do bono social eléctrico, dando un paso adiante e respondendo ás necesidades enerxéticas dos consumidores máis necesitados”.

 


Na súa intervención, a portavoz popular lembrou que a aprobación polas Cortes Xerais do novo bono social obrigaba a redefinir as axudas existentes, como o ticket eléctrico ou as que evitan o corte da subministración.

 


“Había que poñer en práctica a medida de abonar o 50 por cento da factura eléctrica aos consumidores vulnerables, valorados polos servizos sociais da Xunta como consumidores en risco de exclusión social”, concretou Nóvoa. Neste sentido, explicou que a partir de agora “as comercializadoras estarán obrigadas por lei a contar con plataformas telemáticas de comunicación cos servizos sociais da Xunta para, cunha periodicidade mensual, informar á Consellería da existencia de consumidores vulnerables severos”.

 


“Unha vez recoñecidos polos servizos sociais, a estes consumidores aboaráselles o 50 por cento da factura e nunca se lles poderá interromper a subministración eléctrica”, salientou a portavoz popular.

 


EFICIENCIA ENERXÉTICA

 


Outro dos ámbitos que se verán mellorados coa implantación desta lei será a eficiencia enerxética, establecendo mecanismos de cooperación e coordinación no fomento do aforro. En concreto, proponse que a Xunta de Galicia “promova plans de aforro e eficiencia enerxética destinados á mellora da competitividade do tecido produtivo galego e ao incremento do confort e a calidade de vida dos galegos”.


 

“O obxectivo destes plans de aforro será establecer programas de renovación de equipos por outros de maior rendemento enerxético, e que se levarán a cabo, en todos os sectores, de consumidores finais”, concretou Marta Nóvoa, quen engadiu que ao mesmo tempo “potenciarase o estudo de tecnoloxías sostibles e máis eficientes, facilitando a implantación comercial de tecnoloxías que se atopen en fase de demostración”.

 


Respecto da proposta de crear unha tarifa eléctrica galega, a portavoz popular subliñou que “todos os expertos, a excepción do representante da comisión promotora da proposición de lei, coincidiron que non está enmarcada nas competencias da Comunidade galega”. “Nós non desprezamos a opinión dos expertos, que todos os grupos parlamentarios achegamos, porque cando o 90 por cento deles coinciden será que probablemente teñan razón”, indicou.

 


Ademais, Marta Nóvoa demandou ao BNG que “deixe xa dunha vez a un lado a súa proposta de tarifa separatista eléctrica galega, porque aos galegos non lles sae a conta e suporía subirlles a factura un 40 por cento de media” polos custos que ten en Galicia o transporte, distribución e comercialización da enerxía eléctrica.

Síguenos nas redes sociais