Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento aproba a primeira Lei de portos de carácter autonómico

04 Dec 2017

Santiago, 4 de decembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a primeira Lei de portos de carácter autonómico, que adapta a normativa portuaria ás diversas particularidades dos peiraos galegos. “A creación deste necesario marco lexislativo permitirá aproveitar ao máximo as potencialidades dos nosos portos, a través das súas características, singularidades e especificidades; gozar dunha vantaxe cualitativa para o noso sistema portuario respecto a outros marcos normativos; e ter unha Galicia portuaria máis atractiva”, sinalou a deputada popular Teresa Egerique.

 


Na súa intervención na sesión  plenaria, Egerique explicou que esta nova lei “está chamada a alcanzar e cumprir tres obxectivos: establecer un marco regulador, organizativo e de colaboración dentro do conxunto da infraestrutura portuaria en rede de Galicia; incrementar as sinerxías dos portos galegos no transporte de mercadorías; e coordinar competencias en materia de investimentos portuarios, transportes e ordenación do territorio”.

 


Máis en concreto, a deputada popular dixo que a nova lei “ten en conta a convivencia das diferentes actividades en gran parte dos portos, a actividade pesqueira, a comercial, a náutica e a de paisaxe”.

 


“O seu obxectivo principal á reforzar as potencialidades dos portos galegos ante os retos do futuro: abrindo novos mercados, atopando novos investidores e sacándolle todo o rendemento posible ao sector portuario galego, un rendemento que repercuta no beneficio das persoas que traballan no sector do mar e no beneficio das vilas mariñeiras e de toda Galicia”, sinalou.

 


SERVIZO PÚBLICO

 


Teresa Egerique salientou, ademais, que a nova Lei dará “maior competitividade aos portos galegos, coa garantía absoluta de cumprir o seu papel de servizo público”. “A prestación de actividades como amarre, remolque, transporte de viaxeiros ou manipulación de carga contribuirán a xerar emprego e a reactivar a economía e a actividade portuaria nas zonas nas que se localizan”, engadiu.

 


“Tamén falamos de máis transparencia no procedemento das concesións de servizos públicos portuarios, xa que se recupera o trámite de competencia de proxectos, de solicitudes de concesións, coa achega de información pública e de organismos oficiais, o que permitirá tomar a mellor das decisións a prol do interese xeral”, manifestou.

 


Con respecto aos tráficos portuarios, Teresa Egerique indicou que “se prevé unha mellora substancial porque a lei recolle a figura dos plans directores de infraestruturas dos portos, que a través dos que se planificarán a dotación de proxectos de obras e instalacións durante un horizonte temporán dun mínimo de cinco anos”.

 


“Estes plans poderán formularse para un porto ou para un conxunto deles para optimizar recursos, permitindo analizar as situacións actuais dos portos, a estrutura do tráfico e das actividades portuarias, as súas necesidades de desenvolvemento, e outras cuestións técnicas que redundarán nunha mellora das condicións das dársenas e das instalacións”, explicou.

 


RETIRADA DE BUQUES

 


A deputada popular tamén sinalou a mellora na sustentabilidade ambiental dos portos, xa que a lei recolle a prohibición no dominio público portuario de calquera tipo de vertido contaminante sólido, líquido ou gaseoso, contemplando a obriga de que os responsables deses vertidos procedan á plena rexeneración das augas. Neste ámbito, apuntou que “tamén se axilizará a retirada de buques abandonados, así como vehículos e outros obxectos en terreo portuario”.

 


A nova Lei “garante tamén a axilidade no devir diario dos portos de Galicia, tanto nos prazos de autorización de atraques en función das prazas de amarre vacantes, que non superarán os 15 días; como nas concesións, contemplando maiores garantías para os investidores”.

 


Por último, Egerique sinalou que a nova Lei de portos “atribúe ao persoal que vixía e vela pola seguridade dos portos carácter de axente de autoridade, é dicir, os gardapeiraos vense reforzados para garantir a seguridade nos portos e poderán iniciar expedientes no caso de malas prácticas”.

 

Síguenos nas redes sociais