Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy cualifica a proposición de Lei de pobreza enerxética como “acaída” ao blindar o pago do 50 por cento do recibo da luz aos consumidores vulnerables e evitar que se lles corte o subministro

27 Nov 2017

Santiago, 27 de novembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe o debate para a súa aprobación no Pleno que se celebra a vindeira semana de dous novos textos lexislativos: o proxecto de Lei de portos de Galicia e a proposición de Lei de pobreza enerxética. Sobre esta última, considerouna “acaída porque permite que sexamos unha das primeiras comunidades autónomas que adapta a normativa autonómica á estatal para facela máis forte e garantista dos dereitos dos consumidores vulnerables, blindando o pago do 50 por cento do seu recibo da luz e que non se lles poda cortar o subministro eléctrico en ningunha circunstancia”.

 

Baixo a denominación de proposición de Lei de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica, Puy recordou que este novo texto lexislativo chegou ao Parlamento promovido por unha organización sindical e apoiada por 18.000 sinaturas.

 

Neste sentido, salientou que “os promotores fixeron un bo servizo ao país presentando esta iniciativa e a Cámara fixo un bo traballo analizando a proposta da tarifa eléctrica galega, cun amplo consenso entre os expertos sobre a súa inconstitucionalidade”. Ademais, “conseguimos que Galicia sexa a primeira comunidade na que se crea a sinerxía entre as axudas para os consumidores vulnerables de enerxía eléctrica que concede a Administración central e a Xunta de Galicia.

 

Respecto da proposta para a creación dunha tarifa eléctrica galega, Pedro Puy subliñou que “os nove expertos que compareceron, coa excepción dun décimo que falou en representación dos promotores, coincidiron en que, desde o punto de vista xurídico, a competencia para o establecemento de tarifas eléctricas non é autonómica, ao tempo que a maioría confirmou que, mesmo desde o punto de vista económico, non tería racionalidade a introdución desta tarifa”.

 

CUSTO DO TRANSPORTE

O portavoz popular explicou que, “aínda que Galicia sexa excedentaria en electricidade, o custo do transporte cara os mercados exteriores faría moi difícil a existencia dunha tarifa galega”, ao tempo que estes medios de transporte “tamén garanten, cando Galicia non ten superávit de produción, o subministro a Galicia desde outras fontes de produción fóra da Comunidade galega”.

 

“As comparecencias dan certeza sobre o correcto da decisión de non establecer unha tarifa galega”, manifestou Puy, quen engadiu que “tamén quedou patente que o exemplo dunha tarifa vasca non é en absoluto extrapolable a Galicia” dada a existencia naquela comunidade autónoma de redes de baixa tensión.

 

Como medidas importantes desta nova Lei de pobreza enerxética, Pedro Puy destacou o establecemento de programas de renovación de equipos por outros de maior aforro enerxético, así como as medidas referentes á garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica por parte das familias máis vulnerables.

 

En concreto, subliñou que “se blinda o pago do 50 por cento do recibo da luz aos fogares con menos recursos e, ao mesmo tempo, a estes fogares máis vulnerables non se lles pode interromper o subministro de enerxía eléctrica en ningunha circunstancia”.

 

LEI DE PORTOS ADAPTADA A GALICIA

Respecto da nova Lei de portos de Galicia, o portavoz popular concretou que se trata dunha “adaptación á lei estatal para adoptar acordos máis favorables á especificidade da rede de portos autonómicos”.

 

Así, puntualizou que acentúa a función reguladora da autoridade pública de xestión, cunha moderada evolución cara un modelo de xestión portuaria na que os portos se sitúan como servizo público e como ferramenta da actividade económica; axiliza o funcionamento da administración portuaria e os trámites cos empresarios nas concesións; mellora as condicións das dársenas e instalacións portuarias; fomenta unha maior competitividade na prestación dos servizos portuarios; e asegura o normal funcionamento dos traballos dos usuarios dos portos a través do reforzo da figura dos gardapeiraos e da axilización de trámites para a retirada de buques abandonados.

 

“En definitiva, se trata que os usuarios habituais dos portos teñan mellores medios e menos trabas burocráticas para desenvolver a súa actividade”, manifestou.

Síguenos nas redes sociais