Puy afirma que "os orzamentos expansivos" da Xunta para 2018 permitirán trasladar o crecemento económico ás persoas que aínda padecen as consecuencias da crise

23 Out 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 23 de outubro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou hoxe que os “orzamentos expansivos” da Xunta de Galicia para 2018 “permitirán trasladar esta etapa de crecemento económico a un maior número de persoas que aínda padecen as consecuencias da crise”.

 

 

Nese sentido, salientou que “as contas de Galicia están consolidadas” e mostra disto é que “teñamos 1.000 millóns de euros de aforro primario que se poden destinar a investimentos, que equivalen aos 1.000  millóns de aforro de capital”.

 


Pedro Puy informou que a Mesa da Comisión 3ª aprobou esta mañá o calendario de comparecencias de representantes da Administración galega sobre os orzamentos para o vindeiro ano, que darán comezo o xoves co conselleiro de Facenda. A continuación, pasarán polo Parlamento todos os demais membros do Goberno galego, así como os presidentes do Consello Consultivo de Galicia, do Consello Económico e Social e do Consello da Cultura Galega; o director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia; e os presidentes das catro deputacións provinciais. Este ano, os entes instrumentais que tamén presentarán os seus presupostos na Cámara galega serán a Axencia de Turismo de Galicia, a Axencia Galega de Innovación, o Consorcio Galego de Benestar e Portos de Galicia.

 


Respecto do listado de comparecencias solicitado polos grupos da oposición, Puy criticou que inclúan “responsables de organismos que non existen, como a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que foi substituída hai dúas lexislaturas pola AMTEGA; o director da Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria, que se integrou na Axencia de Coñecemento e Administración da Saúde; ou a secretaria xeral de Familia e Benestar, que non figura no organigrama da Administración galega”.

 


AMBICIOSOS NA CREACIÓN DE EMPREGO

 


Respecto dos orzamentos, o portavoz popular amosou a satisfacción polo seu carácter expansivo e “ambicioso no ámbito da creación de emprego, tanto desde o punto de vista do sector privado como polo número de prazas de emprego público que está previsto que se creen”.

 


Así mesmo, salientou que “se centran no mantemento e mellora do gasto social, dado que tres de cada catro euros van estar dedicados a sanidade, educación e políticas sociais”, ao tempo que recollen 1.570 millóns de euros para investimentos. “O feito de que teñamos 1.000 de euros de aforro primario, que se poden destinar a investimento é un síntoma de que a economía galega está nunha situación de consolidación e non necesidade de axustes no gasto”, sinalou.

 


Pedro Puy tamén destacou o mantemento das políticas fiscais progresivas e apuntou que “caen os gastos financeiros porque as necesidades de endebedamento de Galicia se reducen considerablemente”.

 


“Confiamos que no debate dos orzamentos, no que non é sempre fácil chegar a acordos, a oposición sexa coherente e non nos atopemos con situacións como algunhas valoracións que xa se fixeron de que somos pouco ambiciosos no déficit públíco, no endebedamento e gasto público, pero ao mesmo tempo se nos critica, pese a que somos a segunda comunidade autónoma que menos se endebedou na época da crise, que nos endebedamos”, manifestou.

 


VALORAR DANOS DOS INCENDIOS PARA ACTUAR

 


Cuestionado sobre os incendios forestais, Puy criticou que a oposición “desde o mesmo luns pasado, cando aínda non rematara a vaga de lumes e xa estaban organizando manifestacións, estea intentando sacar réditos políticos desta cuestión”.

 


“O Grupo Popular entende que o Goberno ten que actuar sobre as consecuencias que estes lumes deixaron no noso país, para o que se están valorando, non só pola Xunta senón tamén polas administracións locais, os danos para concretar as necesidades”, dixo.

 

Pedro Puy lembrou que “os lumes xeraron moito pánico e, con independencia de que fosen o resultado dun tipo ou doutro de actividade, o certo é que foron en moitos casos incendios intencionados dirixidos a provocar danos materiais moi cerca de persoas e vivendas”.

 

“Empecemos por recoñecer o que todo o mundo sabe: os incendios son a consecuencia de alguén que prende lume, e o monte non bota só a arder”, polo que afirmou que “hai unha actuación humana intencionada, neste caso moi cerca de centros urbanos e de casas, que xerou situacións de pánico e terror e, neste caso, con consecuencias fatais para vidas humanas”.

Read 684 times

Síguenos nas redes sociais