Pedro Puy salienta que o gasto dos orzamentos para 2018 volva a niveis previos á crise económica

23 Out 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 20 de outubro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que o incremento do gasto nun 2,9 por cento nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2018 “supón recuperar os niveis previos á crise economica, cunha administración máis reorganizada”. Así mesmo, confirmou que o Presidente da Xunta comparecerá en Pleno no Parlamento galego “para facer unha valoración global dos incendios forestais con rigor, unha vez que teña toda a información sobre o acontecido nestes últimos días”.

 


Pedro Puy explicou que, logo da entrada esta mañá no Parlamento dos orzamentos para 2018, as comparecencias dos responsables da Administración galega comezarán o vindeiro xoves, 26 de outubro, co conselleiro de Facenda.

 


SEGUEN A LIÑA MARCADA

 


“Basicamente, os orzamentos seguen a liña marcada nos últimos exercicios, tendo como prioridade a creación de emprego, o impulso aos sectores produtivos, cun alto nivel de investimento e unha aposta decidida polo gasto social”, concretou o portavoz popular.

 


En concreto, Puy destacou “a promoción do emprego público”, cifrado en 14.750 prazas nos vindeiros tres anos a través dun plan de estabilidade pactado cos sindicatos.

 


Puy referiuse, ademais, ás novas medidas fiscais incorporadas nestes orzamentos para o vindeiro ano, dirixidas tanto ao fomento do rural, como a rehabilitación dos cascos históricos e a implantación de empresas nos polígonos empresariais.

 

Por último, subliñou que “a xestión da débeda permitirá un aforro importante en xuros, que se achega aos 400 millóns de euros, que se destinarán na súa meirande parte ao incremento do gasto social”.

 


O PRESIDENTE COMPARECERÁ EN PLENO

 


Respecto da comparecencia do Presidente da Xunta en pleno para falar da vaga de incendios forestais, Pedro Puy confirmou que terá lugar “unha vez se poida informar con rigor e logo de que se faga unha avaliación completa da situación e do que hai que facer”. Neste sentido, indicou que neste momento os propios concellos están valorando os danos ocasionados.

 

Puy lembrou que o Goberno galego “deu unha resposta inmediata” no Parlamento coa comparecencia da conselleira do Medio Rural no último Pleno, logo de que “fixéramos algo extraordinario como é alterar a orde do día na mesma sesión, para darlle cabida ao debate mesmo antes de que rematase a extinción dos lumes”. Así mesmo, o propio Presidente da Xunta fixo unha primeira valoración dos incendios durante a sesión de control, unha vez que algún dos portavoces da oposición introduciran o tema pese a non corresponderse coas súas preguntas rexistradas.

 


O portavoz popular lembrou que o Goberno galego xa ten solicitado a comparecencia do Presidente da Xunta para falar da vaga de lumes forestais, “incluso antes de que os grupos da oposición rexistraran a súa solicitude de Pleno extraordinario sobre este asunto”.

 


Cuestionado sobre o investimento previsto pola Xunta de Galicia para a reparación dos danos dos incendios forestais, Pedro Puy explicou que “o propio orzamento contén os instrumentos adecuados para que, unha vez valorados os danos, se poida realizar o gasto necesario”. Ademais, concretou que o capítulo VI dos orzamentos “xa incorpora unha suba importante da partida para investimentos directos no monte galego”, ao que a Consellería do Medio Rural pode sumar “cantidades significativas” de fondos FEADER.

Read 706 times

Síguenos nas redes sociais