O Parlamento insta á Xunta a elaborar, xunto co Consello galego de Pesca, un informe sobre o cumprimento da normativa de descartes pesqueiros

10 Out 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 10 de outubro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta para que, a través do Consello Galego de Pesca, elabore un informe que recolla as accións desenvolvidas na Comunidade galega a prol de acadar o cumprimento da normativa sobre descartes e as propostas de cara a acadar unha maior flexibilidade da que ofreceu Bruxelas ata o momento para os descartes pesqueiros.

 


O deputado popular Alberto Pazos lembrou que no marco do proceso de debate sobre a Reforma da Política Pesqueira Común adoptouse a decisión controvertida de prohibir os descartes pesqueiros: esa práctica que consiste en devolver ao mar os peixes que, capturados de xeito accesorio nos aparellos de pesca, non interesan por razóns de especie, tamaño ou por cuestións de límite de cotas.

 

 

SUAVIZAR A PROHIBICIÓN

 


“Desde o PPdeG defendemos en diferentes ocasións que a decisión de prohibir os descartes pesqueiros era lesiva para a flota galega, e que debería flexibilizarse a súa aplicación para evitar afectacións sobre os aspectos económicos e sociais das pesquerías e mesmo sobre o ambiental”, sinalou.

 


Neste sentido, Pazos sinalou que a Xunta comparte cos estados membros da Unión Europea a necesidade de “suavizar a prohibición dos descartes, de xeito que esta práctica non se prohiba dun día para outro”. Desde a Consellería de Pesca tamén se propoñen medidas de flexibilidade, como é o caso do alugueiro ou a compra de cota e o incremento de cotas para achegarse á composición das capturas; así como o establecemento dunha reserva comunitaria de capturas accidentais de cotas de pesca ou o uso de artes selectivas.

 


“Son medidas que se propoñen desde Galicia e que se traballa para a súa difícil implementación a curto ou medio prazo, polo que desde o Grupo Popular consideramos necesario a elaboración dun estudo que recolla unha posición común e nos faga máis fortes nas reclamacións con respecto á política de descartes”, manifestou o deputado popular.

Read 167 times

Síguenos nas redes sociais