Pedro Puy salienta “a importancia da estabilidade política en Galicia” para que mañá xa se poida aprobar o teito de gasto dos orzamentos de 2018

31 Xul 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 31 de xullo de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe “a importancia da estabilidade política de Galicia”, que permitirá a aprobación mañá no Parlamento do teito de gasto para a elaboración dos orzamentos de 2018.

Puy explicou que “a Xunta recibiu o pasado xoves o avance do que van ser as entregas a conta para o vindeiro ano; o venres reuniuse o Consello da Xunta e aprobou o teito de gasto; e mañá teremos o debate nun Pleno extraordinario para aprobar este teito de gasto”.

 

INCREMENTO DA CAPACIDADE DE GASTO

Neste sentido, o portavoz popular salientou que este teito de gasto “reflicte a actualidade económica de Galicia”. Así, dixo que se incrementa o gasto público nun 5,4 por cento respecto ao orzamento inicial de 2017 e crece un 2,8 por cento en relación ao gasto real realizado este ano. En definitiva, son cerca de 500 millóns de euros máis que o orzamento inicial de 2017 e arredor de 261 millóns de incremento de gasto, ao que hai que engadir que a evolución da débeda pública permitirá incrementar aínda máis o gasto real ao reducirse os custos financeiros.

 

“A capacidade de gasto vai incrementarse substancialmente, o que vai permitir dúas cousas: contribuír a paliar a través das políticas sociais a situación na que quedou parte da sociedade como consecuencia da crise económica e, en segundo lugar, impulsar o desenvolvemento empresarial en Galicia”, manifestou. Neste punto, lembrou que “a pasada semana rexistramos unha lei para que Galicia sexa atractiva a novos investimentos”.

 

O portavoz popular sinalou que “afrontamos o debate de mañá co respaldo de boas cifras, dunha evolución positiva da economía pero conscientes de que queda moito por facer”, porque o obxectivo e ”facer de Galicia un país máis atractivo, porque a creación de emprego de calidade depende do investimento e da capacidade das empresas de medrar e desenvolver proxectos”.

 

VISITA DO MINISTRO DE FOMENTO

Cuestionado sobre a visita do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, a Galicia, Pedro Puy salientou que “está a cumprir a súa palabra de facer un seguimento cada seis meses das obras que o Estado está a executar na Comunidade galega”.

 

En concreto, destacou que “Galicia é a segunda comunidade autónoma en investimento por habitante” e referiuse a proxectos concretos en execución como a autovía Santiago-Lugo ou a ampliación da Ponte de Rande.

 

Respecto do traspaso da A-9, Puy remarcou que o ministro “tomou conciencia da unanimidade política que hai en Galicia en relación á solicitude de traspaso desta autoestrada”, ao tempo que recoñeceu que “a situación política actual fai complicado que se produza unha transferencia que anteriormente Gobernos centrais de todas as cores non facilitaron”.

 

Así mesmo, subliñou o feito de que “este ministro desbloqueou todos os tramos do AVE que se atopaban paralizados, co beneficio de que non se tivera que rescindir ningún contrato e volver sacar as obras a concurso”.

Read 151 times

Síguenos nas redes sociais