Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy destaca que o Goberno galego comparece no Parlamento unha media de 2,5 veces cada día nesta lexislatura

17 Xul 2017

Santiago, 17 de xullo de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, fixo esta mañá un balance da actividade parlamentaria durante este primeiro período de sesións da X lexislatura e salientou que o Parlamento galego é “unha Cámara aberta ás iniciativas de impulso e control da oposición, que se demostra en que o 80 por cento das iniciativas debatidas nos 22 plenos celebrados foron a proposta dos grupos da oposición”. Ademais, destacou que os membros do Goberno “teñen comparecido unha media de 2,5 veces cada día”

Pedro Puy explicou que nos 268 días naturais que levamos de lexislatura o Parlamento galego celebrou 251 reunións, nas que se investiron 726 horas, o que supón dúas horas e 42 minutos de traballo diario en comisións ou pleno. Neste sentido, lembrou que “o traballo do deputado non se limita á participación nestas sesións parlamentarias, senón que se estende moito máis aló coa preparación dos asuntos que se van tratar nas mesmas, reunións internas dos grupos parlamentarios ou con colectivos e representantes da sociedade en xeral para trasladar as súas demandas ao Parlamento a través de iniciativas”.

 

Ademais das 22 sesións plenarias que se teñen celebrado nesta X Lexislatura, o portavoz popular destacou a realización de 49 sesións da Comisión 3ª, así como as 21 da Comisión 5ª ou as 17 da Comisión 1ª, as 15 da Comisión 2ª ou as 14 das Comisións 4ª, 6º, 7ª e 8ª.

 

414 INICIATIVAS EN PLENO

No que respecta á actividade en sesións plenarias, debatéronse un total de 414 iniciativas, das que 156 foron de impulso e 258 de control. Destas iniciativas, 329 (o 80 por cento) foron propostas polos grupos da oposición, fronte ás 68 do Grupo Popular e as 17 comparecencias solicitadas polo Goberno galego.

 

Puy referiuse á actividade de control ao Goberno galego desenvolvida no Parlamento galego. Así, dixo que respondeu en Pleno a 258 cuestións (entre comparecencias, preguntas ou interpelacións), o que supón unha media de 11,7 intervencións en cada sesión plenaria.

 

En Comisión, O Goberno galego compareceu en 46 ocasións e respondeu a 364 preguntas orais, o que fai unha media de 2,45 comparecencias do Goberno en cada Comisión.

 

“Sumando plenos e comisións, os membros do Goberno galego teñen comparecido unha media de 2,5 veces cada día no que levamos desta lexislatura”, salientou Puy.

 

Polo que respecta ás iniciativas de impulso ao Goberno, o Parlamento galego acolleu neste período de sesións o debate en Pleno 156 iniciativas, das que 38 foron mocións e 118 proposicións non de lei.

 

DIFERENZA ENTRE PLENO E COMISIÓN

Pedro Puy centrouse na diferenza existente entre as iniciativas de impulso aprobadas en Pleno e comisión: En Pleno, aprobáronse 50 proposicións non de lei, das que o 42 por cento era a iniciativa da oposición e o 34 por cento foron por unanimidade; mentres que en Comisión, aprobáronse 127 proposicións non de lei, das que o 56 por cento era da oposición e o 81 por cento saíron adiante por unanimidade.

 

“O feito de que en Comisión se aproben máis iniciativas da oposición e máis por unanimidade amosa o diferente talante negociador dos grupos da oposición, como consecuencia de que a visualización dos acordos faise con máis discreción”, sinalou.

Síguenos nas redes sociais