Daniel Vega pide axilidade aos concellos na designación dos seus representantes no grupo de traballo para a mellora da liña ferroviaria Ferrol-Ribadeo

13 Xul 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 13 de xullo de 2017.- O deputado do Grupo Popular Daniel Vega demandou hoxe aos concellos axilidade na designación dos seus representantes para proceder á constitución do grupo de traballo entre Xunta, Renfe e administracións locais para levar adiante as actuacións de mellora da liña ferroviaria entre Ferrol e Ribadeo.

Daniel Vega lamentou “o retraso dalgúns concellos na designación dos seus representantes neste importante grupo de traballo interadministrativo, que está pospoñendo sine die a data da súa constitución”.

 

ACORDO XUNTA-GOBERNO CENTRAL

O deputado do Grupo Popular subliñou “o compromiso asumido pola Xunta de Galicia, e amosado directamente pola propia conselleira onte no Parlamento, para a mellora desta liña ferroviaria e que os veciños da comarca de A Mariña, Ortegal e Ferrolterra dispoñan dun servizo de calidade e axeitado ás súas necesidades”.

 

Neste sentido, referiuse aos acordos acadados entre a Xunta e o Goberno central que suporán un investimento nesta liña de catro millóns de euros. En concreto, procederase a un reforzo do persoal e do material rodante con máis maquinistas e dous trens a maiores este mesmo verán para evitar posibles incidencias e garantir o correcto funcionamento do servizo ferroviario.

 

Ademais, levaranse a cabo melloras en 12 estacións de cercanías, así como a rehabilitación de cubertas, marquesiñas, incremento de seguridade nas plataformas de viaxeiros ou adecuación para facilitar a accesibilidade ao servizo.

 

“Agora é necesario que todos os concellos implicados colaboren e designen aos seus representantes no grupo de traballo, de xeito que se poida realizar un traballo conxunto na mellora desta liña ferroviaria e dos servizos que reciben os veciños destas comarcas”, sinalou Daniel Vega.

 

Read 24 times

Leave a comment

Síguenos nas redes sociais