Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego demanda á Xunta que vele porque o cambio de propiedade do Banco Pastor teña o menor impacto económico e no emprego para Galicia

12 Xul 2017

Santiago, 12 de xullo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, a través da que se insta á Xunta para que vele porque o cambio na propiedade no Banco Pastor teña para Galicia o menor impacto posible sobre a concesión de crédito e o emprego, ao tempo que expresa a firme convicción da Cámara de defender diante do Banco de Santander que o Banco Pastor teña a condición xurídica de filial integrada dentro do grupo bancario.

A través desta proposición non de lei, que recolle integramente o xa aprobado o pasado venres na Comisión 3ª, o Parlamento manifesta a súa solidariedade con todas as persoas que traballan no Banco Pastor, na súa Fundación e nas numerosas empresas auxiliares, así como coas persoas afectadas, coa clientela e co seu accionariado.

 

Neste sentido, insta á Xunta a velar para que os posibles axustes no Banco Popular se fagan co maior acordo posible e defendendo os intereses dos traballadores no eido das competencias que ten a Xunta de Galicia.

 

Outro dos puntos apoiados por todos os grupos parlamentarios na sesión plenaria solicita da dirección do Banco Santander a compensación das perdas sufridas polos pequenos accionistas do Banco Pastor, tendo especial consideración cos que accederon á última ampliación de capital, de maneira que poidan recuperar o seu investimento.

 

MANTEMENTO DOS COMPROMISOS

Ademais, pídese ao Banco Santander que manteña os compromisos adquiridos polo Banco Popular coa Fundación Barrié, para que poda seguir desenvolvendo a súa labor social e cultural con recursos suficientes.

 

Por último, a proposición non de lei solicita aos órganos de supervisión bancaria e do mercado a investigación das últimas ampliacións de capital e emisións de accións, co obxecto de determinar se os subscritores contaron cunha información clara, nidia e precisa para poder levar a cabo os seus investimentos.

 

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, considerou “unha mala nova para Galicia a desaparición do Banco Popular-Pastor” e solicitou “unha investigación sobre o proceso da súa venda”. Neste sentido, lembrou que o Congreso dos Deputados xa está investigando este proceso e reiterou que o Parlamento galego “non é o ámbito no que se deba investigar”.

 

Porén, salientou que “a intervención do Banco Popular implicou que non houbo que poñer cartos dos cidadáns, non afectou ao conxunto do sistema financeiro español e salváronse todos os depósitos dos clientes”.

Síguenos nas redes sociais