Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular demandará no pleno da vindeira semana maior seguridade para os ciclistas e a devolución das plusvalías cobradas indebidamente polos concellos

04 Xul 2017

Santiago, 4 de xullo de 2017.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana dúas proposicións non de lei a través da que se demanda mellorar a seguridade dos ciclistas nas estradas galegas e se solicita ao Goberno central a adaptación ás últimas sentenzas do Tribunal Constitucional da Lei Reguladora de Facendas Locais no relativo ás plusvalías municipais, así como que os concellos habiliten mecanismos para proceder á devolución das cantidades indebidamente recadadas aos contribuíntes.

O portavoz popular, Pedro Puy, lembrou que a sesión plenaria dará comezo co debate do proxecto de lei de actuacións de apoio ao crecemento económico e reforzo do gasto social, que
permitirá con cerca de 230 millóns de euros reforzar o gasto social, o apoio aos sectores estratéxicos e apurar ao máximo a suba que o Estado autoriza para os empregados públicos.

 

APROVEITAR BOS RESULTADOS ECONOMÍA

Puy subliñou que esta modificación orzamentaria permitirá aproveitar “os bos resultados que está a dar a economía”, lembrando que o crecemento do PIB en Galicia situouse no 3,4 por cento o pasado ano, dúas décimas máis que a media española e 1,5 puntos máis que a media europea. Neste sentido, destacou os datos do paro do mes de xuño coñecidos esta mañá, que sitúan o número de desempregados en Galicia por baixo dos 190.000 por primeira vez desde o inicio da crise en 2008 xunto cun incremento dos afiliados á Seguridade Social e da contratación estable e indefinida.

 

A sesión plenaria da vindeira semana tamén incorpora as comparecencias da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, para falar do Plan de transporte público de Galicia; e do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sobre a anunciada reorganización educativa dirixida a mellorar a docencia e a calidade do ensino en determinadas zonas de Galicia.

 

CICLISTAS E PLUSVALÍAS

O Grupo Popular defenderá na sesión plenaria dúas proposicións non de lei. A primeira delas vai dirixida a mellorar a seguridade dos ciclistas nas estradas galegas, a través da reforma do Código Penal para recuperar a figura da imprudencia; intensificar o control nas estradas urbanas e interurbanas con maior concentración de ciclistas; levar a cabo unha correcta, visible e abundante sinalización das vías con frecuente presenza de ciclistas; e realizar campañas sobre as grandes vantaxes do uso da bicicleta e consellos para a seguridade viaria.

 

En segundo lugar, o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei relacionada co incremento do valor dos terreos de natureza urbana e o feito de que, con motivo da crise, moitos inmobles se venderan por un prezo inferior ao que a norma considera que era o valor polo que había que tributar. “Ante este feito, instamos ao Goberno central para que modifique o texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, adaptándoa ás recentes sentenzas do Tribunal Constitucional, e demandamos aos concellos para que habiliten mecanismos eficaces e áxiles para facilitar a devolución das cantidades recadadas indebidamente aos contribuíntes”, explicou Pedro Puy.

 

Por último, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre os resultados da implantación do Plan Ictus hai practicamente un ano e sobre o seu posicionamento en relación á creación da área metropolitana de A Coruña.

 

A modo de resumo, o portavoz popular explicou que a orde do día da sesión plenaria incorpora 32 cuestións, “das que cinco son a iniciativa do Goberno galego ou do Grupo Popular e as restantes 27 son solicitudes realizadas polos grupos da oposición, o que supón o 85 por cento das iniciativas incluídas no Pleno”.

Síguenos nas redes sociais