Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado valora que os datos do paro de xuño melloren amplamente a media nacional

04 Xul 2017

Santiago, 4 de xullo 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou este martes os datos do desemprego relativos ao mes pasado, que achegan unha caída na cifra de desempregados de 17.655 persoas con respecto ao mesmo mes do ano anterior, o que supón un descenso interanual do 8,52%.

Neste sentido, apuntou que son “moito mellores cá media española”, xa que con respecto ao mes anterior, a nosa Comunidade duplica tanto a caída da porcentaxe de desempregados como a de afiliacións á Seguridade Social do conxunto do Estado, consolidándose así as tendencias positivas dos últimos catro anos en ambos indicadores e colocándonos en niveis previos á crise e ao goberno bipartito.

 

Unha vez máis, o número dous dos populares galegos ponderou moi positivamente que o descenso se producise en todos os sectores, liderando as estatísticas algúns moi sensibles como son a construción (-20,12%), a industria (-11,80%) ou a agricultura e a pesca (-9,17%), así como o feito de que caia nos colectivos que agora mesmo son prioritarios para o Executivo galego: menores de 30 anos (-10,59%), parados de longa duración (-9,51%) e mulleres (-5,66%).

 

Tellado insistiu en que “ademais da creación de emprego, preocúpanos que os novos postos de traballo sexan da maior calidade posible”, por iso celebrou que a contratación en xeral suba nun 11,06%, asinándose 10.320 contratos máis que en xuño do pasado ano e superando en máis de 2,2 puntos a media estatal; que a indefinida aumenta nun 17,87%, e supere en máis de 7 puntos o reflectido na temporal (10,58%); así como que a contratación a tempo completo creza nun 13,75%, máis de cinco puntos que a contratación a tempo parcial (8,28%).

 


TRABALLO POR DIANTE
Malia os bos datos coñecidos neste día, o secretario xeral quixo lembrar que “queda moito traballo por diante” para que a recuperación do emprego chegue a cada día máis galegos. Así, quixo poñer enriba da mesa os esforzos da Xunta para que sigan subindo as contratacións de calidade ao tempo que baixa o desemprego con medidas concretas adaptadas ao novo escenario económico, como a Estratexia Autónomo 2020, con 160 millóns de euros para dar servizo a máis de 10.000 persoas; Emprega en Feminino, con 100 millóns de euros ata 2020 para impulsar a incorporación á muller ao mercado laboral; o Sistema de Garantía Xuvenil para os menores de 30 anos, a través do que se investirá este ano 40 millóns de euros; ou a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo, con 163 medidas para mellorar as condicións laborais dos galegos.

 

“Boa parte do traballo do Partido Popular de Galicia nos últimos anos foi encamiñado a que os nosos veciños recuperasen o emprego perdido durante a crise, e cada mes estamos a ver os froitos dese traballo”, apuntou Tellado. “Que a oposición queira dar marcha atrás ás reformas que lle están devolvendo a esperanza a tanta xente deixa claro que os seus intereses non son os mesmos cós da maioría dos galegos”, concluíu.

Síguenos nas redes sociais