Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG defende que a Xunta inclúa na Estratexia Galega de Cambio Climático medidas para continuar reducindo a contaminación industrial e impulsando o uso de enerxías renovables

20 Xun 2017

Santiago, 20 de xuño de 2017.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, defendeu hoxe no Parlamento que a Xunta inclúa na Estratexia Galega de Cambio Climático e Transición Enerxética 2050 un conxunto de medidas orientadas a continuar reducindo os niveis de contaminación industrial; a seguir impulsando a produción e o uso de enerxías renovables e a diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro; e a seguir coa mellora da rede de estacións de control da contaminación atmosférica en Galicia.


Gonzalo Trenor asegurou que “o mellor plan de redución de emisións industriais é a implantación da Directiva europea sobre as emisións industriais, onde se establece que todas as instalacións deben previr e reducir a contaminación aplicando as mellores técnicas dispoñibles, un uso eficiente da enerxía, a prevención e a xestión de residuos, e medidas para evitar accidentes e limitar as súas consecuencias”.


Así mesmo, en canto á substitución progresiva da produción eléctrica en base ao carbón por enerxías renovables, o portavoz popular lembrou que “o obxectivo dos estados membros da Unión Europa é conseguir que un 20 por cento do consumo final de enerxía proceda de fontes renovables”. “En Galicia esta porcentaxe xa se situou en 2015 no 17.6 por cento, o que amosa o compromiso de Galicia con este obxectivo”, afirmou.


COMPROMISO CO CONTROL DAS EMISIÓNS


Trenor criticou que En Marea estea a pedir o peche das centrais térmicas de As Pontes e Meirama, sen ter en conta que isto “supón xogar co emprego, non só das persoas que traballan directa ou indirectamente nestas centrais, senón de toda a súa área de influencia”.


Ademais, engadiu que con este peche Galicia “deixaría de ser un referente na produción de enerxía eléctrica, para comezar a depender do subministro doutras comunidades autónomas e países”.


O portavoz popular referiuse á recentes compromisos para adaptar estas empresas á directiva europea de emisións industriais, que no caso de As Pontes vai supoñer un investimento de 280 millóns de euros para reducir nun 80 por cento as emisións de dióxido de xofre e o 60 por cento de óxido de nitróxeno, prolongando a vida útil e o emprego na zona.

Síguenos nas redes sociais