Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Marta Nóvoa:"Os impostos medioambientais de Galicia non se inclúen nas facturas eléctricas dos consumidores"

20 Xun 2017

Santiago, 20 de xuño de 2017.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, asegurou hoxe no Parlamento que “os impostos medioambientais de Galicia, como o canon eólico, non gravan as actividades ou instalacións de subministro eléctrico e, polo tanto, non poden incluírse nas facturas eléctricas que pagan os consumidores galegos”. “O Goberno galego xa trasladou ao Goberno do Estado en diversas ocasións o seu rexeitamento a incluír estes impostos na factura eléctrica, porque entende que gravan o impacto ao medio ambiente”, engadiu.


Marta Nóvoa criticou que os socialistas galegos pidan agora que os suplementos territoriais se retiren da Lei do sector eléctrico, “cando coas súas emendas a esta iniciativa lexislativa pediron non só que non se quitasen estes suplementos territoriais, senón que ademais fosen obrigatorios”.


Desde o PPdeG “non compartimos que estes suplementos teñan que ser obrigatorios, porque entendemos que o Estado se reserve a posibilidade de supervisar a fiscalidade sobre a actividade regulada do sector eléctrico, xa que hai que garantir a sostenibilidade económico-financieira do sector”. Deste xeito, indicou que se evitarían “situacións do pasado que nos levaron a deber 26.000 millóns de euros, unha hipoteca insostible que pagamos todos”.


A portavoz popular afirmou que o Goberno socialista perdoou máis de 3.000 millóns de euros polo que cobraron de máis as grandes compañías eléctricas en concepto de custes de transición á competencia”. Ademais, lembrou que “cando se aprobou a Lei do sector eléctrico en 2013 as previsións do custe do sistema eléctrico eran de arredor de 22.500 millóns de euros, cuns ingresos de tan só 18.000 millóns de euros, diferenza principalmente froito de decisións políticas erradas do pasado”.


TRANSICIÓN ENERXÉTICA


Nóvoa explicou que o Goberno do Estado “está contribuíndo a mellorar a política de transición enerxética coa adxudicación dunha subhasta de 3.000 megavatios de nova potencia renovable, onde a tecnoloxía eólica foi a principal adxudicataria”. “Os adxudicatarios desta subhasta ofertaron co máximo desconto posible, o que supón que os novos proxectos de renovables se levarán a cabo sen a necesidade de primas adicionais o mercado, e dicir, sen custes para o consumidor eléctrico”, engadiu.


Ademais, sinalou que, debido ao grande éxito desta subhasta, “xa está prevista outra para finais de Xullo doutros 3.000 megavatios, que situaría a España nun entorno dun 20 por cento de penetración das renovables e tendo aínda 3 anos para impulsar medidas adicionais se fose necesario”.


A portavoz popular referiuse ás axudas aprobadas no último Consello de Ministros por importe de 336 millóns de euros para proxectos que favorezan a transición a unha economía baixa en carbono en entidades locais de menos de 20.000 habitantes. “Seguro que moitos Concellos Galegos aproveitarán estas axudas para impulsar medidas de eficiencia enerxética e redución de gases de efecto invernadoiro, que tamén servirán para xerar emprego”, sinalou.


APOIO DO GOBERNO GALEGO


Respecto das medidas adoptadas polo Goberno galego, Marta Nóvoa manifestou que “segue a contribuír co aforro e a eficiencia enerxética a través de medidas como o plan de vivenda eficiente, con axudas tamén para entidades locais ou mellorando as propias administracións”. Así mesmo, “continúa achegando información e asesoramento para que os consumidores saiban que tipo de contrato lle resulta máis axeitado para pagar menos, e por suposto coa batería de axudas para as familias con menos recursos económicos”.


Tamén se referiu ao canon eólico, “tan criticado polos grupos da oposición, que leva recadado preto de 160 millóns de euros desde a súa creación, e que vai dirixido ao fondo de compensación ambiental para os concellos que teñen estas instalacións, e para os que presenten proxectos de rexeneración ambiental”.

Síguenos nas redes sociais