Puy salienta o "proceso altamente participativo" que está a seguir a Xunta na planificación do novo mapa de transportes por estrada

05 Xun 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 5 de xuño de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe o “proceso altamente participativo” que está a seguir a Xunta de Galicia na planificación do novo mapa de transportes por estrada. Neste sentido, apuntou que o plan atópase nestes momentos “en fase de información pública e todos os concellos teñen a oportunidade de presentar as alegacións que lles conveñan”.


Pedro Puy informou que o Grupo Popular defenderá na sesión plenaria que se inicia mañá no Parlamento galego dúas proposicións non de lei. A primeira solicita á Xunta a elaboración e aprobación dun calendario vacinal para o adulto. “Existen grupos de risco ou de idade onde unha certa previsión de vacinación xeneralizada contribuirá non só a previr a enfermidade senón tamén a mellorar problemas de saúde pública”, sinalou.


En segundo lugar, o Grupo Popular defenderá a participación, tanto das deputacións provinciais como dos concellos, durante o proceso de realización da planificación do novo mapa de transportes por estrada.


Puy lembrou que o propio presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) “eloxiou o diálogo que a Xunta está a manter na tramitación deste plan coas autoridades locais”, pero desde o Grupo Popular “pretendemos incrementar a implicación de concellos e deputacións”.


DÚAS FASES


O novo mapa de transportes por estrada desenvolverase ao longo de dúas fases como consecuencia de que hai unha serie de 42 contratos que cobren a renuncia polos titulares de 62 liñas, principalmente en Lugo e Ourense. Así, sinalou que “hai que resolver antes do mes de agosto para que estas zonas non queden desprovistas do transporte”.


Esta primeira fase do mapa terá unha vixencia de aproximadamente 18 meses e posteriormente, a raíz da experiencia recollida nesta primeira fase, aprobarase o plan para o conxunto de Galicia.


O portavoz popular salientou o proceso de participación realizado nesta primeira fase pola Xunta de Galicia, concretando que se celebraron 14 reunións con responsables municipais; remitíronse enquisas a 279 concellos, que responderon 169, nas que se solicitaba información referente ao nivel de satisfacción do servizo, principais demandas dos usuarios ou propostas municipais; houbo reunións coas asociacións de transportes, con sindicatos, cos principais colectivos de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (ANPAS) de Galicia e coa Fegamp; e tamén se consultou aos usuarios do servizo, con enquisas a pé de rúa, para coñecer a oferta actual de servizos e a demanda real e necesidades.


DELEGACIÓN DE VOTO E LEI BENESTAR ANIMAL


Así mesmo, Pedro Puy informou que, por primeira vez, un deputado delegará o seu voto como consecuencia da súa recente paternidade. Trátase do deputado do Grupo Popular César Fernández Gil, que delegará o seu voto no portavoz do grupo parlamentario.


A sesión plenaria inclúe, ademais, o debate de totalidade do proxecto de lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, o primeiro referido a unha materia específica que se debate nesta lexislatura. Puy explicou que esta iniciativa lexislativa ten como un dos obxectivos prioritarios loitar contra o abandono animal e perseguir o maltrato, así como potenciar e facilitar a adopción dos animais abandonados.

Read 293 times

Leave a comment

Síguenos nas redes sociais