O Grupo Popular insta a regular o emprego das novas formas de financiamento de formacións políticas

05 Xun 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 5 de xuño de 2017.- O Grupo Popular vén de rexistrar  unha proposta de resolución ao informe de fiscalización do Consello de Contas sobre as contabilidades electorais das ultimas eleccións autonómicas a través da que se insta á Xunta a adaptar o réxime xurídico vixente en materia de financiamento das formacións políticas para regular o emprego das novas formas de financiamento como o crowdfunding e os microcréditos ou micropréstamos.


O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, explicou esta mañá que o conselleiro maior do Consello de Contas manifestou na súa comparecencia da semana pasada no Parlamento para dar conta do informe de fiscalización das contas electorais que todas as forzas políticas con representación parlamentaria cumpriron caos súas obrigas de transparencia, polo que teñen dereito a recibir as subvencións que a norma prevé unha vez xustificados os gastos nos que se incorreron na campaña electoral.


“Porén, no propio informe se establecen algunhas cuestións que entendemos que aconsellan reformar, como que a Xunta regule máis polo miúdo na Lei que regula o financiamento electoral o réxime xurídico vixente en materia de financiamento das formacións políticas, en relación concretamente coas novas formas de financiamento como o crowdfunding e os microcréditos ou micropréstamos”, manifestou o portavoz popular.


Neste sentido, Puy indicou que estas novas formas de financiamento non están contempladas na normativa aplicable, polo que “poden introducir algún tipo de dificultade na fiscalización do cumprimento da lei do financiamento das campañas electorais”.


ADAPTACIÓN DO PLAN DE CONTABILIDADE


Así mesmo, entre as propostas de resolución do Grupo Popular inclúese que o  Consello de Contas se interese ante o Tribunal de Cuentas para que remate os traballos de adaptación do Plan de Contabilidade das formacións políticas  ás prescricións recollidas na Lei orgánica de control da actividade económico-financeira dos partidos políticos.


“Trátase dunha adaptación que corresponde ao Tribunal de Cuentas e que non ten feito, polo que consideramos necesario que o propio Consello de Contas se dirixa ao citado tribunal para que acelere a aprobación deste novo plan contable de aplicación efectiva a todas as formacións políticas”, indicou Puy.

Read 227 times Last modified on Luns, 05 Xuño 2017 14:53

Leave a comment

Síguenos nas redes sociais