O Grupo Popular ve nos datos do paro de maio "o anticipo dunha espectacular campaña de verán"

05 Xun 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 2 de xuño de 2017.- A deputada do Grupo Popular Isabel Novo Fariña afirmou hoxe no Parlamento que os datos de paro relativos ao pasado mes de maio, que revelan que hai 20.826 persoas desempregadas menos con respecto a hai un ano, que supoñen un descenso do 9,45 por cento anual, son “o anticipo dunha espectacular campaña de verán”. Así, lembrou que as cifras atópanse por debaixo das de 2009, e que Galicia encadea máis de tres anos e medio de baixadas interanuais consecutivas.


Isabel Novo celebrou que este descenso supoña unha baixada da cifra de 200.000 desempregados en Galicia, e considera que, “de manterse esta tendencia, o obxectivo de crear entre 80.000 e 100.000 postos de traballo ata 2020 é totalmente alcanzable”. Do mesmo xeito, valorou o feito de que se estea a crear emprego en todas as provincias e en todos os sectores clave da economía da Comunidade galega, liderados unha vez máis pola construción, a industria, a agricultura e a pesca. Deste xeito, cualificouno como un sinal inequívoco de que se está a acertar coas políticas de reformas implementadas desde os gobernos centrais e autonómico.


Sobre este punto, recordou que houbo pronunciados descensos do desemprego nos colectivos que a Xunta considera como prioritarios, isto é menores de 30 anos (-12,56%), parados de longa duración (-10,61%) e mulleres (-7,22%).


A CALIDADE SEGUE MELLORANDO


Por outra banda, a deputada popular lembrou que a calidade no emprego segue crecendo, xa que a contratación en xeral sube nun 14,40%, asinándose 11.028 contratos máis que en maio do pasado ano, de modo que: a indefinida aumenta nun 14,92%, superando en medio punto o reflectido na temporal (14,36%); e a contratación a tempo completo crece nun 17,12%, case cinco puntos máis que a contratación a tempo parcial (12,22%).


Isabel Novo afirmou que “o desafío segue a ser mellorar nestes aspectos, para o que desde o Goberno galego continuarase traballando para que a meirande parte do emprego que se cree en Galicia sexa estable e de calidade”. Neste sentido, subliñou que a Xunta está a poñer en marcha programas que ofrecen ás persoas sen emprego e empresas máis formación de calidade, adaptada ás necesidades que demanda o noso tecido produtivo; e incentivos á contratación para os colectivos con máis dificultades para acadar un emprego.

Read 410 times

Síguenos nas redes sociais