Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O GPP defenderá no pleno que Xunta e concellos colaboren na elaboración do novo mapa de transporte por estrada, implicando tamén ás deputacións

30 Mai 2017

Santiago, 30 de maio de 2017.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta para que estableza cos concellos galegos un marco de diálogo e colaboración na planificación do novo mapa de transporte por estrada, no que tamén se solicita a implicación das deputacións provinciais. Ademais, solicitará a creación dun calendario de vacinación para adultos.


Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, deu conta das cinco iniciativas que o Grupo Popular incorporou á orde do día da sesión plenaria: dúas proposicións non de lei e tres preguntas ao Goberno galego.


VACINAS PARA ADULTOS E TRANSPORTE POR ESTRADA


A través da primeira proposición non de lei solicítase á Xunta de Galicia a elaborar e aprobar un calendario vacinal para adultos, de xeito que se mellore a información sobre as vaciñas dispoñibles e das súas vantaxes, principalmente entre as persoas que poidan resultar beneficiarias.


A segunda proposición non de lei do Grupo Popular insta á Xunta a establecer un marco de diálogo e colaboración estable que favoreza a participación dos concellos no proceso de planificación do novo mapa de transportes por estrada, así como solicitar a participación activa das deputacións provinciais.


Puy salientou que a elaboración deste novo mapa de transportes por estrada “é unha ocasión para reforzar a cobertura do transporte público no rural, así como outras cuestións novas como o transporte baixo demanda”. “Para elaborar este transporte, quen mellor o coñecen son as administracións locais, polo que solicitamos que se estableza un marco de colaboración estable entre a Xunta e os concellos”.


No apartado de preguntas ao Goberno, o Grupo Popular cuestionará sobre os motivos polos que se están a dar retrasos na tramitación dos recursos de servizos sociais municipais no Concello de Vigo; sobre a situación actual da enfermidade da hepatite C en Galicia e as perspectivas de tratamento nun futuro próximo; e sobre o número de familias que se benefician do Bono Concilia de axudas directas para o pago de prazas de escola infantil naqueles casos nos que os nenos de 0 a 3 anos non teñan praza nun centro financiado con fondos públicos.


OPOSICIÓN SEN VETOS


Ademais da comparecencia do conselleiro de Política Social para dar conta dos proxectos aprobados ao seu departamento na primeira convocatoria do programa Interreg V-A España Portugal, a sesión plenaria incorpora o debate de totalidade do proxecto de Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.


Pedro Puy tamén sinalou que tamén se debaterá no Pleno a proposta de creación dunha comisión de investigación para analizar a contratación dun empresario coas administracións públicas en Galicia. Neste sentido, sinalou que é unha nova demostración de que “á oposición non se lle veta ningunha iniciativa, por moi estraña que poida parecer”, porque “trae ao Parlamento unha política da sospeita sen ningún tipo de dato ou indicio que a apoie”.


“Rexeitamos esta forma de facer política”, sinalou Puy, quen lembrou que “investigar por investigar é trasladar unha opinión sobre Galicia que non se corresponde coa realidade, e máis cando datos como o crecemento da economía ou o descenso do paro están a contradicir o que desde a oposición auguraban”.

Síguenos nas redes sociais