Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG pide á oposición que non confunda aos emigrantes retornados porque todos os que reciben pensións de máis de 12.000 euros teñan obriga de pagar IRPF

26 Abr 2017

Santiago, 26 de abril de 2017.- O deputado do Grupo Popular José González Vázquez demandou hoxe no Parlamento aos grupos da oposición que “non confundan aos emigrantes retornados porque todos aqueles que reciban pensións superiores a 12.000 teñen a obriga de pagar o imposto da renda”. Neste sentido, criticou que pidan a exención de presentar a declaración do IRPF para os pensionistas retornados, o que “faría de peor condición non só aos pensionistas españois senón tamén aos emigrantes retornados que xa están pagando con normalidade o seu IRPF”.


José González explicou que a Administración de Facenda practica directamente a correspondente retención do IRPF a calquera pensionista español, polo que xa non ten que presentar a correspondente declaración. Porén, os emigrantes que reciben pensións do estranxeiro ingresan integramente o importe sen aplicar retención algunha, polo que están obrigados a presentar a correspondente declaración en España.


“Realizar a armonización que pide o BNG, apoiado polos demais grupos da oposición, faría de peor condición aos pensionistas españois fronte aos que perciben pensión do estranxeiro, sen ningún argumento técnico dado o principio de xeneralidade que rexe o imposto sobre a renda”, sinalou.


CONDONACIÓN EN 2014


Así mesmo, o deputado popular lembrou que o Goberno central levou a cabo en 2014 unha condonación “non só das sancións que se lle tiñan imposto os pensionistas senón que tamén dos intereses de demora”. Ademais, abriuse “un período extraordinario de regularización no que non se esixiron recargas, intereses nin sancións a quen regularizou voluntariamente a súa situación mediante a presentación desde o 1 de Xaneiro ao 30 de Xuño de 2015 de declaracións de IRPF incluíndo o importe das pensións non declaradas de exercicios non prescritos”, engadiu.


José González subliñou que “o fundamento desta regularización extraordinaria veu motivada polo convencemento de que os emigrantes que non pagaban o IRPF non o facían de mala fe, senón por descoñecemento, pero a partir dese momento fíxose borrón e conta nova é non hai ningunha dúbida de que as pensións percibidas do estranxeiro teñen que pagar o IRPF cando excedan dos 12.000 euros e dentro do prazo establecido para calquera contribuínte”.


En relación co recoñecemento automático dos certificados de invalidez estranxeiros, o Parlamento aprobou, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, solicitar ao Goberno español que, para evitar a dobre imposición, negocie a introdución nos convenios con outros países dunha cláusula para que se proceda a ese recoñecemento conforme o principio de reciprocidade.

Síguenos nas redes sociais