Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento insta ao Goberno galego a apoiar os centros de FP como impulsores da innovación no sector empresarial

26 Abr 2017

Santiago, 26 de abril de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a iniciativa do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno galego a apoiar aos centros de formación profesional como verdadeiros impulsores da innovación no sector empresarial galego, aproveitando a súa implantación territorial como unha auténtica rede de innovación e relación co mundo produtivo.


O portavoz de Educación, César Fernández Gil, afirmou que a FP “ten que ser un dos principais motores que contribúan a impulsar o desenvolvemento económico e a empregabilidade na Comunidade galega, xa que estas ensinanzas contan cun importante potencial como viveiro de emprendemento, investigación e innovación para o desenvolvemento dos nosos sectores produtivos”.


“Atopámonos fronte a un horizonte ambicioso no que o obxectivo fundamental pasa por artellar unha Formación Profesional que responda ás demandas dos nosos sectores produtivos, á sociedade tecnificada deste século e aumente a cualificación e empregabilidade do capital humano”, indicou.


César Fernández considerou “unha cuestión fulcral” a implicación da empresa dentro deste proceso formativo, xa que a formación profesional “debe manter lazos moi estreitos coa empresa, apoiando, colaborando e favorecendo o emprendemento e o desenvolvemento de proxectos que posibiliten o avance das empresas cara novos sectores estratéxicos, melloren os seus sistemas de produción e incorporen técnicas innovadoras”.


REDE DE INNOVACIÓN


Deste xeito, demandou que “o Goberno galego potencie unha auténtica rede de innovación a través da implantación territorial dos Centros Integrados de Formación Profesional, poñendo en valor a relación entre centros educativos, innovación e empresas para, deste xeito, xerar contornos competitivos de alto valor estratéxico”.


“Os continuos e rápidos avances tecnolóxicos que se están dando na sociedade e no mercado laboral esixen unha FP versátil, que se atope en constante evolución, que incorpore novas ideas e tendencias, e que teña capacidade para adaptarse as cambiantes necesidades do mundo produtivo”, sinalou o portavoz popular.


Ademais, apuntou que “a innovación tecnolóxica na Formación Profesional ten que ser a panca que nos permita impulsar a transformación do coñecemento e da creatividade na mellora de procesos, produtos ou servizos que poidan supoñer un incremento da competitividade das nosas empresas, ao mesmo tempo que facilitará unha formación de calidade, na que galegos e galegas vexan mellorada a súa empregabilidade e as súas posibilidades de proxección e inserción profesional”.


MODELO TRANSFORMADO


César Fernández salientou a “a forte aposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por reforzar a cultura emprendedora no ensino, promovendo a innovación e a creatividade do alumnado, favorecendo tamén o seu contacto directo co tecido produtivo e o entorno que o rodea”.


“Este esforzo ten transformado o modelo da FP en Galicia ata convertelo en referente a nivel estatal, xa que no sistema educativo galego, a día de hoxe, cursan estudos de formación profesional máis de 50.300 alumnos, o que supón duplicar o número de matriculados do ano 2008”, indicou Fernández, quen salientou que “preto do 80 por cento dos titulados de FP teñen traballo”.


Así mesmo, fixo referencia á implantación da formación profesional dual, que no curso 2016-2017 arrincou con 22 ciclos en Galicia, 15 completamente novos. “Este modelo é unha gran oportunidade para o sector empresarial, porque ofrece a posibilidade de formar, de xeito especializado e desde o inicio, ao futuro traballador”, dixo César Fernández.

Síguenos nas redes sociais