Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy afirma que o Goberno traballa nunha reforma da Lei do Rexistro Civil que "non supoña a desaparición de oficinas en Galicia"

25 Abr 2017

Santiago, 24 de abril de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que, do mesmo xeito que acontece cos rexistros da propiedade, o Goberno central traballa nunha modificación da Lei 20/2011 do Rexistro Civil que “non supoña a supresión de ningún rexistro en Galicia, que se manteñan dentro do ámbito da Administración de Xustiza e sigan sendo públicos e gratuítos”.


Pedro Puy lembrou que “estamos ante unha lei do ano 2011 de cuxa posible implantación xa vén informando o Goberno central ás comunidades autónomas a través das conferencias sectoriais”. En concreto, lembrou que a implantación desta norma “xa foi posposta en máis dunha ocasión porque precisa de aplicacións informáticas sen as que a reforma non se pode executar”.


MODIFICACIÓN OU POSPOSICIÓN


“No caso de Galicia, a Xunta xa ten manifestado que, mentres non se arranxa este problema informático, ou ben se está de acordo coa modificación da norma, de forma que non se suprima ningún rexistro civil, ou se apoia unha nova posposición da entrada en vigor desta nova lei”, sinalou o portavoz popular. De todos xeitos, calquera das dúas opcións suporía o mantemento de todas as oficinas do rexistro civil en Galicia.


O portavoz popular informou, ademais, que o PPdeG defenderá no Pleno desta semana dúas proposicións non de lei. A primeira, dirixida a continuar imbricando a formación profesional no tecido produtivo galego, para garantir mellor formación e mellor empregabilidade a través da calidade na formación da mocidade; e unha segunda solicitando ao Goberno central a mellora da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol.


Así mesmo, os deputados do Grupo Popular cuestionarán ao Goberno galego sobre a convocatoria de oposicións para persoas con discapacidade; a promoción turística e os datos rexistrados turísticos na Semana Santa; e a funcionalidade das aplicacións para teléfonos móbiles que está a poñer en marcha o 061.


TRABALLAR CON NORMALIDADE E RESPECTO


Preguntado pola polémica coa deputada Carmen Santos, Puy reiterou que “o Grupo Popular rexeita claramente unha forma de facer política que consiste en inxuriar, descualificar e imputar actuacións que non se soportan nin racional nin numericamente, como foi o caso da señora Santos cando dixo que a violencia contra a muller é culpa dos señores do PP”.
“Non entendemos que isto sexa forma de facer política”, indicou o portavoz popular, quen avogou porque o Parlamento traballe “con normalidade e respecto institucional”.

Síguenos nas redes sociais