Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego avanzará esta semana na elaboración do informe para o traspaso da AP-9 e no Pacto galego contra a violencia de xénero

17 Abr 2017

Santiago, 17 de abril de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, informou hoxe que o Parlamento de Galicia avanzará esta semana nas ponencias encargadas de elaborar o informe para a tramitación da proposición de lei de traspaso da AP-9 a Galicia e o Pacto galego contra a violencia de xénero.


Pedro Puy indicou que a Comisión 2ª do Parlamento designará o vindeiro mércores os membros que configurarán a ponencia encargada de elaborar o informe da proposición de lei, para presentar perante o Congreso dos Deputados, de transferencia da titularidade e das competencias da AP-9 á Comunidade galega.


Neste sentido, lembrou que esta proposición de lei “foi admitida a trámite e impulsada polo Pleno do Parlamento galego por unanimidade de todos os grupos, polo que esperamos que sexa aprobada dun xeito rápido para a súa remisión a Madrid”.


O portavoz popular sinalou que nesta proposición de lei “se retiraron todos os aspectos que no seu día levaron aos servizos xurídicos do Congreso, a instancias do Goberno, a paralizar a tramitación da anterior proposición de lei” e subliñou que o traspaso da AP-9 “non implica a desaparición das peaxes, pero pode contribuír a que a súa xestión no día a día sexa máis útil”.


Outro dos asuntos que centrarán a atención no Parlamento galego esta semana será a designación da ponencia, dentro da Comisión para a igualdade e os dereitos das mulleres, para a elaboración do Pacto galego contra a violencia de xénero.


Puy recordou que existe “o antecedente da aprobación por unanimidade das propostas que Galicia levou ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que xa foron presentadas no Senado polo vicepresidente da Xunta”, polo que considerou unha “oportunidade para manter este amplo acordo e sacar adiante un pacto galego consensuado coas demais formacións políticas para adaptar a nosa normativa á realidade social e cultural de Galicia”.


Así mesmo, manifestou a importancia de que “se analice a posibilidade de introdución e a consideración do termo feminicidio, xa que na actualidade non está definido desde o punto de vista xurídico cal é o seu alcance”. O portavoz popular engadiu que “aproveitaremos o traballo realizado na pasada lexislatura na Comisión de Igualdade, na que compareceron arredor de 50 expertos e na que se recompilou importante documentación que vai permitir avanzar máis rápido na elaboración do Pacto galego contra a violencia de xénero”.


Cuestionado sobre a proposta socialista de destinar a marxe de endebedamento de Galicia para prestacións sociais, Pedro Puy explicou que “cando un pide endebedamento para investimentos produtivos ten racionalidade económica, pero cando pide endebedarse para incrementar gasto corrente, con independencia de que teña un contido social importante, ten consecuencias económicas moi complexas que nos retrotraen ás épocas pre-crise e que explican en boa parte por que a crise española foi especialmente intensa no ámbito do gasto público”.


Así, salientou o importante esforzo de incremento do gasto social que o actual Goberno galego está levando a cabo, poñendo como exemplo que se pasou de 14.000 dependentes atendidos a cerca de 50.000, contando con moitos menos recursos económicos no orzamento. “Sempre defenderemos un incremento do gasto social tendo en conta a sostenibilidade do conxunto do sistema, porque xa vimos o catastrófico que é que se poida desmoronar como consecuencia de dedicar endebedamento para financiar gasto corrente nun só ano”, sinalou.

Síguenos nas redes sociais