O Parlamento insta á Xunta a dotar de servizos de banda larga ultrarrápida a autónomos e empresas illadas do rural

17 Mar 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 16 de marzo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, a iniciativa do Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta á posta en marcha de actuacións que permitan dotar de servizos de banda larga ultrarrápida a aqueles autónomos e empresas illadas situadas no rural que se atopan en situación de desigualdade dixital fronte ás empresas das zonas máis urbanas.

O portavoz de Novas Tecnoloxías, Moisés Blanco, lembrou que o Plan de Banda Longa 2010-2013 da Xunta de Galicia permitiu que a práctica totalidade da poboación galega dispuxera de cobertura de cando menos 2 megabytes e que a metade da poboación tivera cobertura de redes de nova xeración de máis de 100 megabytes.

 

MELLORA DA COMPETITIVIDADE

 

“Porén, a rápida evolución das tecnoloxías fai preciso, ademais dunha cobertura universal, velocidades de banda larga moito máis elevadas para garantir o acceso a novos e cada vez máis sofisticados servizos dixitais, que posibiliten a mellora da competitividade das empresas, un aspecto fundamental na innovación e o progreso do rural”, indicou.

 

Por este motivo, o Goberno galego puxo en marcha o Plan de Banda Larga de Galicia 2020. Neste momento xa se está a levar a cabo a primeira das actuacións deste Plan, coa que se dotará de redes de banda larga ultrarrápida a 81 polígonos industriais que non contan con cobertura nin previsión de dispoñer deste servizo. “En concreto, está previsto que para 2018 un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93 por cento da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mbps”, dixo.

 

Moisés Blanco sinalou que, “lonxe de conformarnos, con esta iniciativa queremos dar un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural”. “A dotación destes servizos de banda longa ultrarrápida ás zonas máis illadas do rural facilitarán a igualdade entre as empresas das zonas urbanas e do rural”, apuntou.

Read 338 times

Leave a comment

Síguenos nas redes sociais