Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento aproba a Lei de medidas fiscais e administrativas,instrumento eficaz para cumprir a lexislación estatal e levar adiante acordos con empregados públicos

07 Feb 2017

Santiago, 7 de febreiro de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos da Xunta para 2017, “un instrumento eficaz xa que introduce algunhas modificacións lexislativas que resultan necesarias para cumprir a lexislación básica estatal, sentenzas ou mesmo para facer efectivos determinados acordos coas empregadas e empregados públicos”, sinalou a viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado.

Na súa intervención, Prado subliñou que con esta nova lei apróbase “unha baixada de impostos no rural, que terá como beneficiarios directos ás familias numerosas, aos mozos e mozas e persoas con discapacidade e como beneficiarios indirectos a todos os galegos e galegas porque esta medida está encamiñada a favorecer o asentamento de poboación no rural”.

 

O novo texto lexislativo tamén concreta cuestións que permiten cumprir compromisos do Goberno que afectan a miles de persoas, como é o proceso de funcionarización do persoal laboral, que favorecerá a estabilidade laboral e profesional do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais e do Consorcio de Igualdade e Benestar froito de acordos cos representantes sindicais.

 

Outra das cuestións que aborda esta nova lei está relacionada co urbanismo. En primeiro lugar, permitirase que os residentes en vivendas adquiridas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en actuacións de desenvolvemento de solo residencial poidan continuar residindo na mesma zona facilitando que poidan acceder directamente a parcelas de uso residencial para vivenda unifamiliar ou ás vivendas que se promovan neste ámbito sen ter que cumprir os requisitos de acceso a ditas vivendas.

 

Ademais, neste ámbito urbanístico facilitarase a tramitación de licencias ou proxectos en marcha nos concellos que se viran prexudicados pola anulación do seu plan xeral. “O Partido Popular está con Vigo e con todos os concellos galegos que se atopan nesta situación, porque queremos que progresen e que as empresas teñan os menores atrancos posibles para crecer e xerar emprego”, sinalou Paula Prado.

 

Respecto das emendas presentadas polos grupos da oposición, a viceportavoz popular criticou que fixeran “unha segunda emenda á totalidade do proxecto de Lei pero en forma de emendas parciais”. Así, apuntou que das 130 emendas que presentaron, 83 eran de supresión, 4 pedían asuntos manifestamente ilegais, 7 demandaban cambiar textos pactados cos interesados, 9 se presentaron fóra de prazo e outras 15 estaban intimamente ligadas ás novas figuras fiscais que defendían os grupos da oposición nos orzamentos.

 

Paula Prado sinalou, a modo de exemplo, que algunha emenda “vai en contra do acordo asinado pola Xunta coa Fegamp respecto do establecemento dun réxime de cofinanciamento dos servizos prestados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar”.

 

Por outra banda, Prado defendeu que a Lei de medidas fiscais e administrativas é “un instrumento absolutamente democrático e absolutamente legal, e proba disto é que actualmente son moitas as Comunidades Autónomas que están tramitando unha lei exactamente igual a esta”.

 

En concreto, citou que a Lei de acompañamento de Cantabria modifica outras 15 leis; a de Aragón cambia 31 normas; a de Cataluña, 23 leis; e a da Comunidade Valenciana modifica outras 32 leis.

Síguenos nas redes sociais