Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O GPP asegura que Portos de Galicia axilizará ao máximo a aprobación da dragaxe da Ría de Pontevedra para poder licitar as obras no 2018

18 Xan 2017

Santiago, 17 de xaneiro de 2017.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, asegurou esta tarde no Parlamento que “Portos de Galicia axilizará ao máximo a aprobación do proxecto de dragaxe do fondo da ría de Pontevedra, co obxectivo de poder licitar as obras durante o ano 2018”.

Martín Fernández lembrou que o Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 11 de xaneiro a resolución pola que se somete a información pública o anteproxecto e o estudo de impacto ambiental da dragaxe da ría de Pontevedra e a desembocadura do río Lérez.

 

EN PERÍODO DE ALEGACIÓNS

 

“Deste xeito, neste momento estanse a recibir as alegacións que se poidan presentar, polo que o tempo de resposta variará en función do número de alegacións que se acheguen e da dificultade da resposta”, apuntou.

 

A partir dese momento, o proxecto continuará a súa tramitación coa remisión do documento á Consellería de Medio Ambiente; emisión, se procede, da Declaración de Impacto Ambiental por parte de dita Consellería; redacción do proxecto de obra; licitación das obras; e contratación.

 

“Somos plenamente conscientes da necesidade de solventar os problemas de calado na ría de Pontevedra, pero a Administración non pode incumprir nin obviar ningún dos trámites obrigatorios que se prevén na lexislación ambiental para estas actuacións”, explicou Fernández Prado.

 

Ademais, o portavoz popular sinalou que Portos de Galicia “está en contacto permanente tanto cos responsables do Concello de Pontevedra como coa Confraría de Pescadores, mantendo reunións informativas nas que da conta do estado da tramitación e recolle as súas propostas para acadar os mellores resultados para facer posible no futuro as actividades marisqueiras nesta zona”.

Síguenos nas redes sociais