Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo di que a Conferencia de Presidentes servirá para facer “unha España máis xusta, máis sustentable e máis autonómica”

14 Xan 2017

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a Conferencia de Presidentes servirá para facer “unha España máis xusta, máis sustentable e máis autonómica”.

 

Para Feijóo, o consenso para construír un país sustentable non pasa só polo Goberno central, senón que debe sumar tamén aos demais 17 grandes centros de decisión que forman o país: as comunidades autónomas.

 

Nese senso, o presidente indicou que se queremos que todos os españois vivamos nun Estado do Benestar sustentable e de calidade, a demografía debe terse moi en conta á hora de repartir o financiamento. Por iso, tal e como apuntou, ese será un dos temas que se abordarán na Conferencia de Presidentes Autonómicos que se celebrará o vindeiro martes.

 

UNHA ESPAÑA SUSTENTABLE

Así se expresaba Feijóo na clausura da presentación das liñas básicas da Ponencia Económica e Territorial para o Congreso nacional celebrada en Santiago, onde estivo acompañado polo vicesecretario de Autonomías e Concellos do PP, Javier Arenas, pola vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, e polos ministros Álvaro Nadal e Fátima Báñez.

 

Segundo dixo, esta ponencia plasma a aposta por unha España sustentable que cree cada vez máis emprego e de máis calidade, que non abuse do endebedamento, que reforce os lazos con Europa e abra novos mercados; e que garanta o noso Estado de Benestar.

 

Nese sentido, o líder do PPdeG recordou que seguir sendo sustentables cunha baixa taxa de natalidade e unha alta taxa de envellecemento é o desafío máis importante de España.

 

Por este motivo, apuntou que a ponencia reflicte a intención dos populares de alcanzar un Pacto de Estado pola Demografía, algo para o que é necesario que os demais grupos do Congreso non pensen en cores políticas ou intereses partidistas, senón en avós, pais e fillos.

 

Así mesmo, engadiu que buscarán consenso para dar máis apoio económicos ás familias que desexen ter fillos, facilitando a conciliación,  para superar -como xa se fixo en Galicia- a ratio de cobertura do 33% das prazas de escolas infantís, e para abordar a reforma do sistema de pensións.

 

UN FUTURO POR ESCRIBIR

Feijóo tamén fixo referencia na súa intervención ao congreso político de Podemos, salientando as diferencias existentes co conclave nacional do PP.

 

Como comentou, mentres eles só falan de si mesmos e sobre as súas loitas internas, cren que vivimos nunha época de desesperanza, e se consideran os únicos representantes lexítimos dun pobo que os rexeita; os populares falarán dos cidadáns sendo conscientes de que, con moderación e con reformas, España está saíndo adiante. E todo iso namentres traballan con humildade.

 

“Por desgracia para o populismo e por sorte para o país, o futuro  aínda está por escribir. A ponencia é un documento que aprende do pasado, pensa no presente e se prepara para o futuro”, engadiu.

 

Nese senso, remarcou que a responsabilidade e a boa xestión ao longo dos últimos anos conseguiron abrir un espazo de ilusión e esperanza. Por este motivo, o presidente manifestou que o próximo reto é amosar que os principios que nos sacaron da recesión son tamén os máis axeitados para garantir que España siga avanzando e para trasladar os froitos do progreso ás familias e ao pobo.

 

Por outra banda, e tras lembrar de forma moi especial o legado que nos deixou un dos pais da Constitución, Manuel Fraga, falecido fai 5 anos, Feijóo salientou que é vital ter claro o modelo de país que queremos construír e cara a onde se queren dirixir. “Se non o facemos, seremos capitáns dun barco á deriva, pois o rumbo estaránolo marcando outros”, afirmou.

 

Con respecto a isto, abundou en que “a carta de navegación do Partido Popular” ten que xirar sobre catro eixos fundamentais: o respecto á liberdade económica, a reivindicación da estabilidade política, a responsabilidade na xestión e a defensa da unidade de España e a  igualdade entre os españois.

 

 

 

Síguenos nas redes sociais