Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo subliña os datos positivos recollidos pola terceira memoria das Directrices de Ordenación do Territorio

12 Xan 2017

Afirma que na actualidade hai 33 concellos que contan cun plan xeral de ordenación municipal adaptado ás DOT, fronte aos 9 que recollía a primeira memoria elaborada en 2014. Ademais, un total de 184 están en elaboración, o que supón un 68% dos concellos e máis de dous terzos da superficie de Galicia

Alberto Núñez Feijóo subliñou hoxe, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que a terceira memoria sobre as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) constata a tendencia positiva de Galicia no número de concellos con desenvolvemento urbanístico adaptado ás ditas Directrices.

Por tanto, segundo o presidente da Xunta, a conclusión máis importante é que se están implementando axeitadamente as Directrices e que se está avanzando no camiño correcto da sustentabilidade do territorio. De feito, cada vez máis as Directrices forman parte dos PXOM dos concellos e, cada vez máis, os departamentos intersectoriais da Xunta teñen en conta a implementación das Directrices.

Así, na actualidade hai 33 concellos que contan cun plan xeral de ordenación municipal adaptado ás DOT, fronte aos 9 que recollía a primeira memoria elaborada en 2014, ou os 21 da memoria do ano pasado. Tamén no eido do Desenvolvemento e Implantación se reflicte que, desde a aprobación das Directrices, un total de 184 están en elaboración, o que supón un 68% dos concellos e máis de dous terzos da superficie de Galicia.

Neste senso, a memoria tamén confirma que se avanza na senda do crecemento ordenado, tal e como se conclúe ao analizar a aprobación da nova Lei do solo e o seu regulamento, ou o tratamento do litoral.

Ademais, a memoria destaca tamén as medidas postas en marcha para a protección da paisaxe. Concretamente, destaca a aprobación do Catálogo das paisaxes e o inicio da tramitación das Directrices da paisaxe, para a posta en valor da mesma e contribución á valorización do territorio; así como as numerosas actuacións para o fortalecemento dos núcleos tradicionais, como o Plan estratéxico de dinamización dos pequenos cascos históricos, o Plan estratéxico de rehabilitación de Galicia, o Plan de vivenda, ou o impulso continuado das Áreas de Rehabilitación Integral.

Do mesmo xeito, os Indicadores de Desenvolvemento de Implantación tamén reflicten unha tendencia positiva no eidos do patrimonio natural, xa que se recolle: un incremento da superficie da Rede Galega de Espazos Protexidos con instrumento de planificación; no patrimonio cultural, un incremento no número de Bens de Interese Cultural (BICs), ou un maior número de conxuntos históricos con plan especial.

Tamén en relación coa paisaxe se visualizan varias melloras importantes na aplicación dos instrumentos da xestión da paisaxe (superficie con catálogo de paisaxe e superficie con unidades de paisaxe delimitadas); no metabolismo urbano, cunha mellora da intensidade enerxética, da calidade da auga nas zonas de baño, da poboación e concellos con servizo de punto limpo e a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro.

Os indicadores socioeconómicos

En relación aos indicadores socioeconómicos, o presidente da Xunta fixo fincapé en que a memoria tamén confirma distintos aspectos con tendencia positiva, que son significativos para avaliar a planificación territorial desde esta perspectiva, como por exemplo: unha mellora da autosuficiencia en emprego; mellora tamén na porcentaxe de poboación e núcleos con cobertura de banda larga, que é a práctica totalidade de Galicia; o incremento da superficie e número de operadores de agricultura ecolóxica; o número de vacas por explotación; ou o incremento da oferta e demanda turística.

Por tanto, Feijóo concluíu que existen datos na memoria que apuntan a que imos na dirección correcta para lograr o obxectivo das Directrices: un crecemento ordenado e racional que permita protexer a paisaxe e apoiar un desenvolvemento social e económico axeitado.

No relativo aos datos negativos, o titular do Goberno galego citou a existencia aínda de vivendas secundarias e baleiras; a necesidade de seguir avanzando nunha mellor mobilidade que fomente o transporte público fronte ao privado; ou o reto demográfico, que loxicamente tamén ten unha incidencia na planificación territorial.

Nesta liña, sinalou que a obriga da Xunta é seguir traballando para adecuar o noso desenvolvemento como pobo á nosa realidade, aos nosos obxectivos como sociedade e ás nosas necesidades.

Síguenos nas redes sociais