Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O GPP subliña o compromiso do Goberno galego para paliar a situación de inseguridade no porto de Laxe

29 Dec 2016

Santiago, 29 de decembro de 2016.- O deputado do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, reiterou hoxe no Parlamento “o compromiso do actual Goberno galego para paliar a situación de inseguridade existente no porto de Laxe, ofrecendo aos mariñeiros e ás súas embarcacións un refuxio fiable e adecuado coa realización das actuacións oportunas”. Neste sentido, lembrou que a colaboración existente entre a Xunta, autoridades locais e Confraría de Pescadores para levar adiante un proxecto que segue coa súa tramitación administrativa e mantén a consignación orzamentaria.

 

Aurelio Núñez recordou que as obras de remodelación e ampliación do porto de Laxe “atopáronse cun primeiro problema porque unha parte moi importante do fondo da dársena era rocha, o que mudaba por completo o proxecto inicial”.

 

DENTRO DA REDE NATURA

 

“Posteriormente, coñeceuse que unha parte da zona afectada pola actuación da dragaxe atopábase catalogada como Rede Natura, polo que contaba e conta cunhas medidas de protección e garantías ambientais máis estritas e específicas”, apuntou. Núñez Centeno indicou que “esta é a única razón pola que a obra non se iniciou neste pasado verán, a pesar de ter orzamento consignado”.

 

O deputado popular subliñou que a Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia, “está en permanente contacto  coas autoridades locais e coa Confraría de Pescadores, ás que xa lles trasladou que non renuncia ao proxecto, que seguirá coa súa tramitación administrativa e manterá a consignación orzamentaria”.

 

URXENCIA INCOMPATIBLE CO EXPEDIENTE

 

Ademais, Aurelio Núñez sinalou que neste momento estase redactando o estudo para a declaración de impacto ambiental á que obriga a catalogación da zona como Rede Natura. Este documento faise “segundo a alternativa escollida pola comisión de seguimento, da que forman parte voceiros municipais e Confraría: de xeito global para toda a obra, o que alonga a tramitación pero permite, unha vez completada, executar o total dos traballos nunha soa fase”.

 

Na súa intervención, apuntou que “a urxencia que demandan os socialistas non é compatible coa situación actual do expediente, nin coa necesidade de esperar a tempos de calma no mar para poder actuar na voadura das rochas”.

Síguenos nas redes sociais