Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento aproba o desenvolvemento dunha Estratexia de Infraestrura Verde que protexa a diversidade

14 Dec 2016

Santiago, 13 de decembro de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou esta tarde unha proposición non de lei, do  Grupo Popular e apoiada por PSOE e BNG, a través da que se insta á Xunta de Galicia ao desenvolvemento dunha Estratexia de Infraestrutura Verde que cree unha rede de espazos naturais e seminaturais deseñada e xestionada para protexer a biodiversidade, proporcionar servizos ecosistémicos e incrementar a resiliencia dos ecosistemas.

 

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, asegurou que o desenvolvemento desta Estratexia de Infraestrutura Verde “permitirá, non só adiantarse a un futuro requirimento europeo e nacional, senón, sobre todo, reforzar a estrutura ecolóxica básica de Galicia mediante a definición dunha rede de zonas naturais e seminaturais”.

 

“Trátase da creación dunha rede interconectada de espazos verdes e outros elementos ambientais que conserven as funcións dos ecosistemas naturais, unha ferramenta de eficacia probada que aporta beneficios ecolóxicos, económicos e sociais”, apuntou. Así, indicou que os orzamentos da Xunta para 2017 xa incorporan un orzamento de 250.000 euros para a posta en marcha desta estratexia e o inicio dun proxecto piloto na zona metropolitana de A Coruña, incluíndo a cidade e a zona das Mariñas.

 

SOLUCIÓNS RENDIBLES

 

Fernández Prado lembrou que “a experiencia europea demostra que as solucións de infraestrutura verde son rendibles e contribúen ao desenvolvemento económico, fomentando enfoques innovadores e creando novos negocios ecolóxicos, que xa representan máis do 5 por cento do mercado laboral en Europa”.

 

Neste sentido, engadiu que, “dentro do compromiso do Partido Popular co medioambiente, o territorio e a  paisaxe, proponse instar ao Goberno galego a redactar a primeira Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia, cuxo fin é a creación dunha rede estratexicamente planificada de espazos naturais e seminaturais e outros elementos ambientais deseñados e xestionados para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistemicos”

 

MULTIFUNCIONALIDADE

 

“A multifuncionalidade desta estratexia e unha das súas principais características e un atributo que lle permite atender múltiples necesidades de forma simultánea, o que a converterá nun instrumento de carácter transversal que poderá apoiar o desenvolvemento de numerosas políticas  territoriais e sectoriais”, engadiu.

 

O portavoz popular explicou que “esta estratexia facilitaría unha ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental, definindo uns servizos de hábitat, uns servizos de abastecemento, uns servizos de regulación e uns servizos culturais”.

 

“A definición destes espazos medioambientalmente estratéxicos servirá de base para a concreción de actuacións como corredores ecolóxicos en concas fluviais, prácticas agroecolóxicas en zonas agrícolas, ecoaldeas, hortos urbanos, proxectos de mellora paisaxística, melloras na xestión da auga, creación de bosques en ámbitos degradados, planificación de zonas de inundación ou espazos verdes urbanos eficientes no uso de recursos e con funcións ecolóxicas”, apuntou.

 

EMENDA ACEPTADA DO BNG

 

Á proposición non de lei do Grupo Popular incorporouse unha emenda do BNG a través da que se solicita ampliar a rede galega de espazos naturais protexidos ao longo da presente lexislatura, co obxectivo de achegarse á media estatal en canto a porcentaxe de superficie protexida, así como recuperar para uso social e ambiental os espazos de dominio público marítimo terrestre do litoral (especialmente marismas e humidais), seguindo as determinacións do Plan de actuación Plan de Ordenación do Litoral

Síguenos nas redes sociais