Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento aproba solicitar á Xunta a creación dunha tarxeta dirixida aos peregrinos

14 Dec 2016

 

Santiago, 13 de decembro de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou esta tarde a proposición non de lei do Grupo Popular, apoiada tamén polo Grupo Socialista, a través da que se insta á Xunta a crear unha tarxeta dirixida especificamente aos peregrinos que chegan a Compostela, que aglutine diferentes servizos do seu interese como entrada única nos museos, facilidades no transporte e descontos en actividades culturais, de ocio e restauración, en comercios e tendas de produtos galegos, de artesanía de Galicia e nos mercados de Abastos.

 

A portavoz de Turismo do Grupo Popular, Cristina Romero, lembrou que “os peregrinos son unha fonte de ingresos moi importantes para a economía galega e en especial para Santiago onde se deixaron no 2015 máis de 26 millóns de euros”. “A presenza dun número cada vez maior de peregrinos, especialmente internacionais, é una excepcional oportunidade para os diversos sectores que prestan servizos aos nosos visitantes”, sinalou.

 

Neste sentido, Romero explicou que esta nova tarxeta de fidelización do peregrino “aglutinaría os diferentes servizos aos que poden acceder, proporcionándolles unha atención diferenciada e de maior calidade e permitíndolles coñecer unha oferta que moitas veces pasa inadvertida”. “Ademais, redundaría nun incremento da súa estadía en Santiago é sería unha ferramenta máis para a promoción de Galicia e os seus recursos  e para combater a estacionalidade”, engadiu.

 

PREPARAR O XACOBEO 2021

 

Cristina Romero subliñou que “a vontade, tanto do Goberno como do PPdeG, é seguir facendo do turismo un baluarte indiscutible para consolidar a recuperación económica, sobre todo sabendo que esta lexislatura será clave para preparar o próximo Xacobeo 2021”. “Un acontecemento desta característica é de tal envergadura que non pode nin debe improvisarse  nin deixarse para o último momento, sobre todo si o que se pretende é facer no ano 2021 o mellor Xacobeo da historia”, indicou.

 

A  portavoz popular criticou o desinterese amosado por En Marea e o BNG respecto do turismo en Galicia, “un sector estratéxico que representa máis do 11 por cento do PIB galego e o 12 por cento do emprego, gracias a rexistrar este ano un máximo histórico nos niveis de demanda turística, cun total de 4,5 millóns de turistas aloxados e máis de 9 millóns de pernoctacións”.

Síguenos nas redes sociais