Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG prevé que a Xunta presente uns orzamentos “baseados nas persoas, e non no asfalto ou o ladrillo”

01 Dec 2016

Santiago, 1 de decembro de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu este xoves unha rolda de prensa na que valorou esta semana como “crucial” para a política galega, dado que trala aprobación do teito de gasto, atopámonos na antesala da aprobación dos orzamentos da Xunta para o ano 2017. Neste sentido, Tellado valorou positivamente a rapidez coa que o Goberno autonómico iniciou os trámites trala celebración das eleccións autonómicas do pasado mes de setembro.


“Logo de anos de crise económica, o teito de gasto aprobado a semana pasada avánzanos uns orzamentos que consolidan o seu crecemento”, apuntou, para incidir en que os recursos extra cos que contará o Executivo galego se utilizarán na mellora dos servizos públicos e en apuntalar a recuperación económica. Sobre este punto, celebrou que a Consellería de Facenda xa avanzase que se incrementarán partidas como as destinadas á creación do emprego, o fomento do rural ou as axudas aos Concellos.


Tellado prevé que as contas públicas que presente mañá o Goberno sexan unha mostra de “realismo, prudencia e responsabilidade”, en canto a que están baseadas nun coñecemento profundo das necesidades do país e nunhas estimacións de crecemento máis conservadoras que algúns estudos publicados sobre a situación económica galega. Do mesmo xeito, agarda que volvan estar presididas polo rigor dos últimos anos, que é o que permitiu consolidar a rebaixa fiscal iniciada o ano pasado sen incumprir os obxectivos de déficit fixados polo Goberno Central. “É así como se blinda o autogoberno, e non con proclamas, como queren facer outros”. En definitiva, o secretario xeral resumiu a súa valoración como a duns orzamentos que “estarán inspirados nas persoas, e non no asfalto ou no ladrillo”.

 

UN PARTIDO QUE TRABALLA
Durante o seu discurso, o secretario xeral quixo destacar o intenso traballo da Xunta e o PPdeG nas últimas semanas, e comparouno coa situación na que se encontra a oposición, “centrada nos seus problemas internos e os seus intereses partidistas”.

 

Tellado ilustrou o seu argumento co acontecido esta semana coas Mareas de Podemos, “que emendaron a Podemos cos salarios. Chegaron ás institucións dicindo que cobrar tres Salarios Mínimos Interprofesionais era suficiente, e agora xa din que cinco, ou máis”. “A demagoxia e o populismo teñen as patas moi curtas e todo isto non nos pode estrañar despois de que o seu líder chegase ao Parlamento pedindo chófer, secretaria e os despachos máis grandes”, concluíu.

Síguenos nas redes sociais