Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG demanda ao Goberno que estude á maior brevidade a sentenza que equipara as indemnizacións dos contratos temporais e indefinidos

23 Nov 2016

Santiago, 22 de novembro de 2016.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento que o Goberno central, a través do grupo de expertos que ten creado, estude a maior brevidade a repercusión da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europa que equipara as indemnizacións por finalización dos contratos temporais aos contratos indefinidos.

Paula Prado lembrou que “corresponde ao Estado a competencia para negociar e debater a necesaria adaptación da nosa lexislación laboral á aplicación desta nova doutrina xurisprudencial en materia de indemnizacións por finalización de contratos laborais”. Deste xeito, indicou que “temos que ser escrupulosos no cumprimento da lexislación vixente,  respectar as competencias que en material laboral ten atribuídas o Estado e dende a Comunidade Autónoma regular sobre aqueles aspectos sobre os que temos competencia normativa, é dicir,  sobre a regulación propia que desenvolva a lexislación básica estatal respecto do persoal laboral”.

 

Porén, apuntou que desde a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde “xa se reuniu coas organizacións sindicais para abordar as recentes sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea referidas á contratación eventual e pretensións indemnizatorias”. “Pero tamén é importante destacar que no ámbito sanitario público non existe ata o de agora sentenza ningunha da UE que obrigue a indemnizar ao cese  do persoal estatutario, e, por tanto, o Sergas está a cumprir neste aspecto o determinado na lexislación básica estatal”.

 

A viceportavoz engadiu que “existen varias opcións posibles para evitar a discriminación posta de manifesto na sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, polo que o prudente é esperar os resultados das negociacións ou xuntanzas que por este motivo están tendo lugar entre os axentes sociais e o Ministerio de Traballo no ámbito do Estado”.

 

ACORDO NO ERE DO BANCO PASTOR

 

No debate doutra proposición non de lei sobre o expediente de regulación de emprego (ERE) no Banco Pastor, Paula Prado avanzou que “rexeitaremos a proposta porque a día de hoxe existe xa un acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores e traballadoras que foi asinado o pasado 5 de novembro, un acordo subscrito polo 86 por cento dos representantes sindicais”.

 

Neste sentido, explicou que este acordo procurou fundamentalmente as baixas voluntarias en traballadores en idade de xubilación alcanzando unha porcentaxe importante (superando o 80 por cento), unha porcentaxe pequena de excedencias voluntarias compensadas e outra pequena porcentaxe de indemnizacións importantes con primas de voluntariedade e antigüidade.

 

En concreto, Prado dixo que o número de afectados por este ERE é de 2.592 persoas en toda España, dos que 364 son en Galicia. “O máis importante é que os 364 pediron a adhesión voluntaria”, concretou.

 

A viceportavoz popular defendeu “o respecto á independencia na actividade dos interlocutores sociais, máxime nunha negociación na que se chega a un acordo que supón unha redución das saídas previstas case nun 20 por cento e, sobre todo, o compromiso de que os traballadores afectados serán basicamente os que manifesten a súa vontade de adherirse ao ERE”.

Síguenos nas redes sociais