Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: "O voto dos galegos foi quen de producir unha reacción en cadea de sensatez"

26 Out 2016

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, ofreceu hoxe unha rolda de prensa trala decisión de onte do presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, de aceptar o encargo do Rei de someterse a unha nova sesión de investidura unha vez que o PSOE accedeu a absterse nela.


Tellado destacou o papel de Galicia como “verdadeira panca de cambio en España” ao lembrar que, fai un mes, os galegos apostaron pola estabilidade e a gobernabilidade e esa decisión provocou “unha reacción en cadea de sensatez” no conxunto do Estado.


Salientou que “o voto dos galegos valeu dobre” xa que a súa mensaxe “a favor dun goberno estable” e contra “aquelas forzas que apostaban polo bloqueo” non só foi útil para “garantir a estabilidade en Galicia” senón tamén para “permitir o desbloqueo en España”.


O número dous do PPdeG felicitouse porque os dous grandes partidos teñan asumido o mandato electoral que esixía “un plus de responsabilidade” no PSOE e un “plus de xenerosidade” no PP. Pola contra, lamentou a “soberbia” dos deputados da Marea, incapaces de asumir os resultados electorais, que asistirán a unha manifestación rodeando o Congreso “pouco respectuosa co resultado electoral”. “É a reacción esperable nun grupo do que forma parte un deputado que chamou ‘ignorante e alienado’ ao pobo galego por non votar á súa forza política”, apuntou.

 

INVESTIDURA EN GALICIA
Tellado afirmou tamén que en poucos días se producirá un debate de investidura en Galicia na que o presidente Feijóo, aínda con maioría absoluta, acudirá “coa mesma vontade de diálogo e a mesma humildade” que o presidente Rajoy esta tarde.


Preguntouse, asemade, se neste caso os deputados da Marea se quedarán a escoitalo ou “preferirán saír á rúa a berrar”. O secretario xeral do PPdeG dixo esperar que “non decidan tapar o falar calmado de Galicia con berros” e salientou que a verdadeira forma de facer política “para a xente” é dende dentro das institucións e que dende fora, como pretenden Marea e Podemos en Madrid, faise política “para os fotógrafos”.


“Nun mes, España e Galicia deixarán de estar en funcións e haberá dous novos gobernos co mandato lexítimo das urnas para facer progresar o país”, destacou Tellado ao tempo que lembraba as previsións de crecemento económico dadas a coñecer onte. “E detrás desta nova situación estará a forza do pobo galego”, salientou.


O secretario xeral do PPdeG rematou lembrando que “o que demanda a cidadanía é diálogo” e agardando que “os novos tempos da política galega tradúzanse tamén en novas formas que abandonen a crispación”.


COMEZAN AS LIORTAS NO GRUPO DE EN MAREA
O secretario xeral do PPdeG quixo facer referencia tamén aos datos coñecidos sobre a solicitude de medios que o voceiro do grupo parlamentario de En Marea, Luis Villares fixo á coordinadora provisional da súa formación política.


Tellado salientou que a divulgación destes datos supón “o inicio das liortas” no grupo parlamentario e un preludio dun proceso de división semellante ao que viviu o grupo Alternativa Galega de Esquerdas. “Alguén filtrou este escrito coa intención de danar a imaxe de Luis Villares”, constatou Tellado, que recomendou ao voceiro que, ante a traizón dos seus compañeiros, en lugar de solicitar un chofer solicite “un ‘guardaespaldas’”.

Síguenos nas redes sociais