Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo sinala que a estabilidade e a responsabilidade de Galicia é o xeito de que España saia do bloqueo e avance

27 Ago 2016

Cotobade, 27 de agosto de 2016.- O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que a estabilidade e a responsabilidade de Galicia é o xeito de que España saia do bloqueo e avance, advertindo que a comunidade non debe imitar o que sucedeu neste país nos últimos nove meses.

 

Así o expresaba o presidente dos populares galegos no acto de inicio do curso político da formación en Cotobade, onde tamén estivo presente o presidente do PP, Mariano Rajoy. Alí, Feijóo sinalou que, no que atinxe ao debate de investidura da vindeira semana, os seus participantes deberían ter pasado antes por Galicia e comprobar a importancia da estabilidade, aprender da responsabilidade dos galegos e tomar exemplo deles xa que considera que España ten que parecerse máis á nosa comunidade.

 

Con respecto a isto, Feijóo aseverou tamén que nin el nin a maioría dos galegos e españois queren para Galicia nin para España “divisións, nin bloqueos, nin vetos, nin parálises”, senón que o que buscan é máis benestar para as familias e máis progreso para o país.

 

OS RETOS DO NOVO CURSO POLÍTICO


Segundo destacou o dirixente popular, os retos que o PPdeG ten por diante este novo curso son grandes porque os retos son de toda Galicia e de España. Neste senso, engadiu que o reto da comunidade é manter a excepción de estabilidade e responsabilidade e o de España é saír do bloqueo e a parálise política. Para ambos retos, Feijóo subliñou que os populares teñen o mesmo obxectivo: avanzar.

 

Así mesmo, Feijóo fixo fincapé na importancia de que o vindeiro 5 de setembro sexa un luns ordinario de traballo para o goberno en España e que o vindeiro 26 de setembro sexa tamén un luns ordinario de traballo para o goberno de Galicia. “Xa abonda de irresponsabilidade, xa abonda de bloqueos, xa abonda de parálise, xa abonda de facer perder o tempo e perder o diñeiro á xente. Xa está ben”, demandou o líder do PPdeG.

 

ESPAÑA E GALICIA


Como lembrou o líder do PPdeG, os populares galegos pasaron momentos moi duros dende 2009 e “custou moito esforzo” poder chegar a dicir que Galicia crece hoxe máis que en todos estes anos; que hai menos paro que daquela e se crea máis emprego que en todos estes anos; e que os servizos públicos están financeiramente garantidos hoxe e no futuro e cada día se melloran as prestacións.

 

Nesta liña, afirmou que, malia que aínda queda por facer, hoxe “hai máis esperanza e máis futuro que en 2012 e 2009”. ““Iso ninguén nolo pode quitar”, reclamou o presidente.

 

Por outra banda, Feijóo sinalou que non fai falla remontarse ata daquela para explicar a importancia da estabilidade e da responsabilidade para Galicia; nin fai falla lembrar o que era aquel Goberno bipartito; nin imaxinar o que podería chegar un multipartito “cos líos de cada partido que conforman o lío do multipartito”. Como engadiu, basta con remontarse ao pasado 20 de decembro e ver o que sucedeu en España desde entón e basta recordar como desde esa data Galicia foi –aínda máis se cabe- unha excepción de estabilidade e responsabilidade.

 

Así, lembrou que na comunidade se aprobaron os orzamentos; suprimiuse o imposto de sucesións e doazóns para o 99% dos galegos; elimináronse impostos no rural; volveuse a baixar o IRPF; o paro baixa máis que nunca; cumpriuse coas obrigas contables; e investiuse o superávit de responsabilidade en infancia e xuventude.

 

Do mesmo xeito, destacou que a maioría dos colexios públicos de Galicia estrearán curso renovados; fíxose a primeira Lei de área metropolitana da comunidade; púxose gratis o transporte público para os menores de 19 anos; puxéronse en marcha medidas de apoio á natalidade e á conciliación que nos poñen á cabeza de España en apoio ás familias; o aeródromo de Rozas-Lugo pasou de ser un deserto a ser un proxecto de innovación pioneiro en España: con investimento e emprego; o naval galego ten 3.000 millóns en pedidos; e a automoción ten blindado o seu futuro ata o ano 2020.

 

Deste xeito, hoxe en Galicia hai máis crecemento, máis creación de emprego, máis investimento, máis educación pública, máis sanidade pública, máis apoio á infancia e á xuventude. Por este motivo, Feijóo indicou que mentres en España “no es no”, Galicia é si e máis si.

 

Por outra banda, o líder do PPdeG apelou á unidade do partido e asegurou que é precisamente esa a unidade maioritaria que os populares buscan para Galicia: “a maioría dos galegos quere entendemento”, destacou. Sinalou como exemplo o proceso de fusión iniciado polos alcaldes e a veciñanza de Cerdedo e Cotobade: “A política é iso, poñerse de acordo para avanzar”, asegurou.

 

Síguenos nas redes sociais