Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: cun concelleiro liderando a lista, Lores “vincúlase” aos resultados do BNG

11 Ago 2016

Pontevedra, 11 de agosto de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, fixo hoxe balance da actuación do goberno de Feijóo na área de Pontevedra nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polos deputados Jacobo Moreira e Jesús Goldar.

Na valoración da situación política que fixo ao comezo da rolda de prensa, o secretario xeral do PPdeG aludiu a que o feito de que un concelleiro do goberno local, Luis Bará, encabece a lista nacionalista de Pontevedra nas autonómicas impide a Lores continuar a súa estratexia de “desmarcarse do BNG a nivel galego” e presentar ao Bloque local como “un verso solto”.

Presentando a Bará, afirmou Tellado, Lores vinculase ao nacionalismo máis oficialista” pois “estará a xuízo o proxecto do señor Lores”. Para Tellado, un mal resultado da lista encabezada polo seu concelleiro significará un revés  para un alcalde que ten como proxecto a “o sectarismo de declarar persoas non gratas".

Falando do BNG, o número dous dos populares galegos quixo ironizar tamén co feito de que onte mesmo, mentres a candidata Ana Pontón afirmaba estar disposta a formar parte dun goberno alternativo na Xunta, o alcalde nacionalista do concello coruñés de Fene rachaba o seu pacto cos socialistas e as Mareas.

“É un exemplo perfecto de que non existe maioría alternativa á de Feijóo, que a única alternativa que ofrecen é a de botar a Feijóo da Xunta aínda que iso signifique deixar Galicia sen goberno”, concluíu Tellado.

GALICIA E PONTEVEDRA, CON MELLORES SERVIZOS
O secretario xeral dos populares galegos fixo fincapé hoxe na forte aposta do goberno de Feijóo pola mellora da sanidade pública galega. En particular, no ano 2015 realizáronse máis intervencións cirúrxicas e máis consultas hospitalarias” que en 2009 mentres o tempo de espera para ambas cousas está hoxe no seu mínimo histórico dende que existen rexistros. Puxo en valor tamén que cada vez máis urxencias son resoltas na atención primaria.

Miguel Tellado lembrou a mellora tecnolóxica da sanidade galega, co 100% de implantación da receita electrónica e da historia clínica electrónica e coa renovación das infraestruturas que tivo como resultado que “sete de cada dez galegos viron mellorado o seu centro sanitario de referencia”.

Jacobo Moreira concretou esa aposta na área pontevedresa coa posta en marcha do centro de saúde de A Parda, cun PAC que reforza a atención primaria, coa construción dos novo centros de saúde de Cotobade e Marín e coa recente sinatura dun convenio para a construción do “Gran Montecelo” que suporá un investimento de 130 millóns de euros.

Moreira tamén destacou a obra, recentemente comezada, do novo edificio xudicial cun montante total de case 20 millóns de euros. Pola súa banda, Tellado destacou que “avanzamos en infraestruturas xudiciais”, en referencia ao Plan de Infraestruturas Xudiciais desenvolvido polo goberno de Feijóo e que supuxo que nestes sete anos investíranse 70 millóns en obras de nova planta ou gran reforma cando nos 13 anos anteriores dende a transferencia da competencia só se investiran 40.

No que ten a ver coa política familiar, o secretario xeral destacou a “tarxeta benvida” de 100 euros ao mes, a implantación das mellores deducións fiscais por fillo de toda España e o aumento dun 76% das prazas de escolas infantís. A concreción desta aposta en Pontevedra detallouna Moreira, que explicou que a posta en marcha das escolas infantís da Parda, de Monteporreiro, do Campus e do edificio da Xunta supuxo duplicar en sete anos a oferta de prazas da cidade.

Ademais, Moreira puxo en valor a reforma do antigo edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal para poñelo a disposición do tecido asociativo e da universidade.

GALICIA E PONTEVEDRA, CRECENDO E CREANDO EMPREGO
O número dous dos populares galegos lembrou a “tendencia á alza” do emprego nestes momentos, en contraste coa tendencia á baixa que imperaba cando Feijóo accedeu ao goberno. Lembrou que taxa de paro é 3 puntos inferior á existente no comezo da lexislatura e que hai case 50.000 afiliados máis á seguridade social.

Tellado atribuíu as melloras de emprego e crecemento económico a políticas da Xunta que melloran a empregabilidade das persoas traballadoras como poden ser o incremento dun 50% das prazas de Formación Profesional dende 2009 ou a accesibilidade das ensinanzas universitarias ao ter as taxas máis baixas do Estado.

Para Moreira, a principal demostración desa aposta en Pontevedra foi a creación do CIFP A Xunqueira, un centro recentemente ampliado e que ten implantados modelos novos de formación profesional como a FP Básica ou a FP Dual, ademais de ser un dos únicos 19 centros de toda Galicia que conta cun viveiro de empresas.

Mentres Tellado recalcaba as máis de 13.000 axudas concedidas polo IGAPE nestes anos e as bonificacións de ata o 50% que ofrece o goberno de Feijóo no solo industrial, Moreira lembrou as intervencións da Xunta para reactivar empresas en crise como a Factoría Naval de Marín ou Clesa en Caldas así como a posta en marcha do polígono de A Reigosa en Ponte Caldelas.

Por outra banda, puxo en valor que o acordo para o mantemento do emprego de ENCE na comarca viuse complementado cun Pacto Ambiental asinado fai escasas semanas a través do que a empresa comprométese a dedicar 3 millóns de euros ao ano a entidades sociais, culturais e deportivas da zona. No eido das infraestruturas, Moreira destacou a vía rápida de Marín mentres que Goldar lembrou o acordo parlamentario para solicitar a transferencia á Xunta da xestión da AP-9.

Síguenos nas redes sociais