Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo defende un proxecto como punto de encontro dos galegos fronte aos líos

10 Ago 2016

Chantada, 10 de agosto de 2016.- . O presidente o PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, propuxo defender un proxecto como punto de encontro entre todos os galegos xa que, como recoñeceu, “os líos dos demais” non foron os da nosa comunidade nin teñen por qué ser os de Galicia.

O dirixente, que participou na Xunta Directiva Provincial de Lugo acompañado da presidenta, Elena Candia; salientou que os populares deben propoñer un punto de encontro dos intereses de todos para o progreso, o benestar e as oportunidades que queremos para Galicia e que eles poden ofrecer aos galegos a través do seu proxecto.

“A chamada o 25 de setembro é de Galicia”, apuntaba o líder dos populares galegos, quen tamén puxo en valor a importancia da unidade explicando que xuntos é como sempre se poden abordar os problemas, como se poden tentar solucionar e porque é así como se avanza.

EXCEPCIÓN POR ESTABILIDADE
“Galicia superou o obstáculo do desgoberno e a ingobernabilidade”, subliñou Feijóo, quen advertiu que ese problema pode poñerse diante do camiño da comunidade nas vindeiras eleccións autonómicas, algo que non sería bo para ningún galego.

O presidente tamén quixo destacar que estes anos Galicia foi allea á división partidista, do mesmo xeito que nos últimos sete meses tamén o foi á obstrución e á parálise nacional xa que, como apuntou, aquí houbo goberno e a estabilidade necesaria para que os cidadáns puidesen sacar ás súas familias e ao seu país adiante.

Así, lembrou que aquí seguimos avanzando e, por este motivo, pediu aos galegos a súa confianza para que a comunidade siga sendo unha excepción por unidade, responsabilidade e estabilidade.

Segundo afirmou, os populares buscan unha maioría excepcional para que Galicia siga sendo singular e, nese senso, sinalou que cada galego resultará decisivo para evitar que teñamos que padecer unha situación de ingobernabilidade como a de España ou un desgoberno de catro partidos.

Ademais, o líder do PPdeG asegurou que non quere un contragoberno, nin unir en despachos o que non se une nas urnas, senón que o que busca é un goberno da maioría dos galegos.

UNIDADE, PRECAUCIÓN E DENUNCIA
Por outra banda, Feijóo tamén quixo enviar durante a súa intervención unha mensaxe “como galego” e que considera que está por riba de posicións partidistas. Deste modo, amosou o seu total recoñecemento e confianza a todo o operativo que está a loitar contra o lume nestes días tan complexos, que acumulan falta de auga, calor e vento así como actividade delitiva por parte dos incendiarios.

O presidente engadiu que están orgullosos “da eficacia, da eficiencia, da solidariedade e do compromiso” de todo o operativo contra o lume no que están traballando 7.000 persoas  para garantir a “nosa seguridade, a nosa estabilidade, o noso patrimonio e, incluso, en algún casos, as vidas das persoas que se ven ameazadas”.

“O traballo dos equipos contra o lume é extraordinario e estes días, como fan sempre, está a evitar males maiores”, recalcou. Así mesmo, para o presidente, “esa profesionalidade e esa solidariedade é Galicia”.

O dirixente incidiu en que estes equipos teñen o recoñecemento de todos os galegos e modo de correspondelo é estando unidos ao seu carón, sendo extremadamente precavidos polos riscos que se xeran con estas condicións climatolóxicas e sendo absolutamente intolerantes cos incendiarios. “Unidade, precaución e denuncia. Esa é a resposta de Galicia ante a ameaza”, sentenciou.

Síguenos nas redes sociais