Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado lembra no Salnés o aumento dun 76% das prazas de escolas infantís dende 2009

09 Ago 2016

Vilagarcía de Arousa, 9 de agosto de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, fixo hoxe balance da actuación do goberno de Feijóo na área do Salnés nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polos deputados Marta Rodríguez Arias, Rosa Oubiña e Jesús Goldar.

O número dous do PPdeG quixo por en valor os “feitos” que diferenzan ao PPdeG daqueles que só teñen palabras. “Mentres a oposición vai cada día a peor, Galicia vai a mellor”, salientou Tellado.

En primeiro lugar, Tellado fixo fincapé hoxe na forte aposta do goberno de Feijóo polo fomento da natalidade e da conciliación familiar.Deste xeito, puxo en valor o aumento dun 76% das prazas de escolas infantís financiadas con fondos públicos dende o ano 2009 así como a existencia das mellores deducións fiscais por fillo de todo o Estado e da tarxeta benvida ou o inicio de programas pioneiros como as casas-niño no rural e a subvención á creación de escolas infantís nos polígonos industriais.

A deputada Marta Rodríguez Arias puxo cifras á concreción desta aposta do goberno de Feijóo na área do Salnés. Así, lembrou a construción dunha escola infantil en Vilagarcía por importe de 1,2 millóns de euros, a ampliación da de Sanxenxo ata as 82 prazas por máis de 400.000 ou a remodelación da de Cambados por máis de 415.000 euros. Destacou asemade que parte dos fondos do chamado “superávit de responsabilidade” irán destinados a obras na escola infantil de Carril.

Tellado destacou tamén a importancia para as novas familias de ter acadado unha educación pública de maior calidade, cunha taxa de abandono escolar dez puntos inferior á de 2009, cun 35% máis de prazas de comedor e con posibilidades como a ensinanza plurilingüe ou as aulas dixitais que hoxe chegan xa a máis de 100.000 alumnos e que antes de 2009 eran inalcanzables para moitas familias.

A deputada Marta Rodríguez Arias concretou o alcance desas medidas na área do Salnés, lembrando o investimento de máis de 2 millóns de euros en infraestruturas educativas na comarca dende o ano 2009. Rodríguez Arias referiuse de xeito destacado ás obras no IES Armando Cotarelo por estar destinadas a dar cabida a novas aulas de formación profesional, unha das grandes apostas educativas do goberno de Feijóo.

UNHA GALICIA E UN SALNÉS MELLORES PARA VIVIR

O secretario xeral do PPdeG quixo salientar que esta mellora económica destes anos veu acompañada tamén de melloras na calidade de vida. No tocante á sanidade, Miguel Tellado lembrou o plan de infraestruturas que ten levado a que “sete de cada dez galegos” viran construír ou reformar o seu centro sanitario de referencia.

No caso da comarca do Salnés, Rodríguez Arias exemplificou esa mellora coa posta en marcha da nova área de urxencias do Hospital do Salnés, “unha necesidade urxente para a comarca” que, tras un investimento de 7,7 millóns de euros, duplica a capacidade de atención aos pacientes con máis de 4.000 metros cadrados novos e unha zona específica de pediatría.

No referido á atención aos maiores, o número dous dos populares galegos destacou cifras como a diferenza entre os 14.000 dependentes atendidos en 2009 e os 50.000 que o estarán a finais desde 2016 ou os 2.700 usuarios do servizo de axuda no fogar de 2009 fronte aos máis de 12.000 deste exercicio.

Tras lembrar o feito de ter duplicado as prazas de centros de día e de servizo de teleasistencia, Tellado quixo lembrar que a Xunta camiña cara un modelo de envellecemento activo destinado a previr a dependencia e a xerar novas tecnoloxías que permitan que os nosos maiores poidan seguir valéndose por si mesmos o maior tempo posible.

Pola súa banda, a deputada Rodríguez Arias lembrou o avance das políticas de atención aos maiores na área do Salnés, destacando a posta en marcha de novos centros de día en Vilagarcía e Cambados.

Tellado lembrou a recente iniciativa da Xunta de impulsar a gratuidade do transporte metropolitano para os menores de 18 anos. O deputado Jesús Goldar, que foi portavoz do grupo popular en materia de infraestruturas e transporte, quixo destacar a negativa de varios concellos gobernados pola esquerda a estender esta medida ao seu transporte urbano. Goldar lembrou tamén a petición unánime lograda no Parlamento de Galicia para solicitar o traspaso da xestión da AP-9 á Xunta.

O secretario xeral do PPdeG quixo poñer en valor a iniciativa do goberno de Feijóo para a atención “ás persoas máis vulnerables”. A deputada cambadesa Rosa Oubiña, que exerceu a portavocía de igualdade, destacou o reforzo da rede de 80 centros de información á muller e a creación do Centro de Recuperación Integral para vítimas da violencia machista. No relativo aos sectores económicos, Oubiña lembrou os máis  de 9 millóns investidos en concentracións parcelarias na comarca, a política de impostos cero no rural, os 7 millóns destinados á promoción exterior dos viños do Salnés e a loita contra o furtivismo no mar.

“GALICIA EN SERIO” FRONTE AOS “BANDAZOS”

De cara ás eleccións de setembro, Tellado contrapuxo a uns populares que “tomámonos Galicia en serio” contra unha alternativa formada por forzas que ou ben “non saben onde están” ou ben “non saben o que son” e “mudan cada día”. O secretario xeral lembrou as liortas internas das forzas da oposición, citando aos socialistas “que hoxe renegan do seu candidato”, aos nacionalistas que teñen anunciado que apoiarán ao candidato das Mareas ou aos militantes das Mareas e de Podemos que rexeitan agora unha alianza que lles valía “fai mes e medio”.

“Nós non damos bandazos”, destacou Tellado, que quixo resaltar tamén que “a nós non nos teñen que vir desde Madrid a explicar cómo temos que presentarnos a unhas eleccións en Galicia”. Deste xeito, concluíu que, de entre todas as forzas que se presentarán ante os electores galegos en setembro, “o PP e o único partido que sabe onde está Galicia e que os galegos saben onde está”.

Síguenos nas redes sociais