Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo propón aos galegos unirse para seguir sendo unha excepción por estabilidade

08 Ago 2016

Redondela, 8 de agosto de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu aos galegos a súa confianza para que Galicia siga sendo unha excepción por unidade, responsabilidade e estabilidade como non a hai en toda España, e non o sexa por ter ao fronte un lío de catro partidos como tampouco o hai igual no resto do país.

Así se expresou o dirixente na Xunta Directiva do PP de Pontevedra, na que estivo acompañado do presidente provincial, Alfonso Rueda; e onde destacou que os populares buscan máis que os demais partidos na nosa comunidade e máis do que calquera outra forza acadou no resto de España: “Buscamos unha maioría excepcional para que Galicia siga sendo singular. Para que Galicia siga sendo unha excepción”.

Tal e como recoñeceu, acadar unha maioría estable sempre foi complicado, pero conseguila agora, cando xa non hai ningunha en todo o país, “é excepcionalmente difícil”. Por este motivo, aseverou que teñen que esforzarse para que os galegos se sintan parte disto, xa que sen eles o conseguido tería sido imposible.

GALICIA ALLEA Á INGOBERNABILIDADE E AO DESGOBERNO
Durante a súa intervención, o presidente salientou que a nosa comunidade é unha excepción porque fomos alleos á ingobernabilidade e ao desgoberno. “Aquí houbo goberno, e, sobre todo, aquí houbo cidadáns que puideron sacar ás súas familias e ao seu país adiante porque houbo a estabilidade necesaria para que fora posible”, dixo.Desta maneira, Feijóo recordou que estes anos Galicia foi allea á división partidista así como nos últimos sete meses tamén o foi á obstrución e á parálise nacional.
Nese senso, lembrou a eliminación do imposto de sucesións, a baixada do IRPF, a eliminación de impostos no rural, a axuda aos nacementos, medidas contra os desafiuzamentos, a nova axenda social, os avances da automoción ou o proxecto do aeródromo de Rozas como exemplos de que a nosa comunidade non freou e seguiu avanzando.

“Galicia superou o obstáculo do desgoberno e a ingobernabilidade”, incidiu explicando que ese problema pode poñerse diante do camiño da comunidade o próximo día 25 “e iso non sería bo para ningunha galega e ningún galego”.

Por este motivo, fixo fincapé en que os galegos serán decisivos nas vindeiras eleccións para evitar que Galicia padeza unha situación de ingobernabilidade como a de España ou un desgoberno de catro partidos. “Cada galega e cada galego é decisivo se todos seguimos xuntos en torno a un proxecto de país no que todos teñen cabida”, recalcou.

Así mesmo, incidiu en que foi moi bo para as familias que Galicia fose unha unha excepción de estabilidade e responsabilidade. E para lograr que isto se siga sendo así, Feijóo pediu que todos os cidadáns se unan nas urnas.

Nese sentido, asegurou que non se pode pensar que xa está todo feito ao tempo que manifestaba que non quere un contragoberno, nin unir en despachos o que non se une nas urnas, senón que busca un goberno da maioría dos galegos.

Síguenos nas redes sociais