Feijóo conversou coa cidadanía galega nas inmediacións da praia de Cabanas

27 Xul 2016

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2016.- O presidente dos populares galegos Alberto Núñez Feijóo mantivo onte un encontro coa veciñanza do concello de Cabanas.

Feijóo recorreu o paseo da Madalena, que rodea o piñeiral do areal de Cabanas, deténdose a conversar animadamente con varios grupos de persoas que aproveitaban as últimas horas da tarde para camiñar ou que viñan de regreso dunha tarde na praia.

O líder dos populares galegos puido falar de preto e fotografarse tanto con veciños cabaneses como con persoas da comarca que visitan esta e mesmo persoas de fóra de Galicia que teñen esta turística vila como destino habitual durante as vacacións de verán.

Este encontro forma parte da xira ‘A Galicia que ti queres’ deseñada polo Partido Popular de Galicia para fomentar o contacto directo de Feijóo coas galegas e os galegos e para recibir as súas propostas e achegas de cara á elaboración do vindeiro programa electoral.

Así, Feijóo visita concellos de toda Galicia acompañado dun banco ou ‘faladoiro’ no que sentarse a conversar coa veciñanza para escoitar as súas inquedanzas e dunha urna no que estas persoas poidan depositar, do seu puño e letra, as súas propostas de actuacións para o próximo goberno galego.

Nesta semana, o líder do PPdeG continuará esta xira con visitas a concellos das provincias de Pontevedra e Ourense.

Síguenos nas redes sociais