Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado clausura o Congreso do PP de Sanxenxo: "a unidade é o noso gran activo"

17 Xul 2016
Sanxenxo, 17 de xullo de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, clausurou esta mañá o Congreso do Partido Popular de Sanxenxo, que elixiu a Telmo Martín como presidente local.
 
Tellado felicitou á militancia sanxenxina por ter “recuperado a normalidade orgánica” despois de máis dunha década cunha xestora ao mando do partido e instou a Telmo Martín a aproveitar este feito para “que coide esa unidade e a reforce porque é o noso principal activo”.
 
O número dous dos populares galegos lembrou o complicado reto que o partido ten por diante en Galicia coas eleccións autonómicas de outono: un reto que cualificou de “complicadísimo” porque “aspiramos ao excepcional”, a ter a maioría absoluta “que ningún candidato ten conseguido nas demais comunidades autónomas”.
 
Ante este reto, Tellado lembrou que “só o poderemos alcanzar se chegamos á cita electoral na nosa mellor forma e na nosa mellor versión: máis activos que nunca e máis unidos que nunca”. O secretario xeral sostivo que a sociedade percibe no PPdeG un partido vivo e dinámico sen que isto o converta “nun lío permanente”.
 
No lado oposto situou aos partidos da oposición, aos que considerou que a súa desunión “tenos levado ao atraso, a ir varios pasos por detrás na carreira electoral”.
 
Neste sento, lembrou que mentres o PPdeG conta xa con candidato designado, e con equipo redactor do programa e comité de campaña xa constituídos outros non poden telos “porque aínda non saben que militantes do seu propio partido están dispostos a facer campaña e cales non”.
 
Esta diferenza é a que ten levado a que, mentres o presidente Feijóo “xa está na rúa escoitando á xente e tomando nota das propostas de cara ao programa electoral” os seus rivais estean “pelexándose por ver quen é o candidato, pelexándose por ver quen vai nas listas ou pelexándose por ver con quen van en coalición”.
 
En resumo, concluíu Tellado, a unidade do PPdeG permítenos estar xa conversando coa xente na rúa sobre o programa de goberno mentres a desunión dos outros obrígaos a estar encerrados en discusións internas. Por iso, resolveu: “hoxe somos a única forza política galega que en lugar de buscar problemas dentro está buscando solucións fóra”.
 

Síguenos nas redes sociais