Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Aprobada por unanimidade modificación Lei Área Metropolitana de Vigo

12 Xul 2016


O PLENO DO PARLAMENTO APROBA POR UNANIMIDADE A MODIFICACIÓN DA LEI DA ÁREA METROPOLITANA DE VIGO, QUE RECOÑECE A ESTA CIDADE A SÚA CONDICIÓN DE CAPITALIDADE



·    O deputado popular sinalou que “un dos maiores valores que ten o novo texto lexislativo é o alto grao de consenso acadado



Santiago, 12 de xullo de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe a modificación da Lei da área metropolitana de Vigo, a través da que se recoñece a capitalidade a esta cidade e se recolle a participación desta entidade supramunicipal nos tributos do Estado e da Xunta destinados ás entidades locais. O deputado do Grupo Popular, Javier Dorado, asegurou que “esta lexislatura que está a piques de rematar pasará á historia como a lexislatura de Vigo, xa que non se recorda outra onde esta cidade focalizara de maneira tan evidente a atención da Xunta”.



Javier Dorado salientou que “un dos maiores valores que ten o novo texto lexislativo é o alto grao de consenso acadado nas distintas fases da súa elaboración, tanto entre alcaldes, as cámaras municipais, a Xunta e este Parlamento”. “Este texto é o froito do traballo de moitas persoas que desde hai oitenta anos, con menor ou maior intensidade, traballaron para construír este gran Vigo de medio millón de habitantes disposto a seguir sendo o motor económico de Galicia”, sinalou.



Na súa intervención, o deputado popular lembrou os antecedentes desta área metropolitana de Vigo: desde a constitución da mancomunidade en 1992, a declaración de Soutomaior de 1999 ou a iniciativa lexislativa popular impulsada pola Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao en 2008. “Tamén é de xustiza recordar o traballo da Lei 4/2012, a primeira Lei da área metropolitana de Vigo; así como ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por ser o seu impulsor e por estar sempre disposto a dialogar, negociar e chegar a acordos sen ningunha condición máis que a de que o ente se poña en marcha canto antes para beneficio dos veciños”, manifestou.



TRES EIXOS FUNDAMENTAIS



Dorado concretou que o Grupo Popular traballou na tramitación deste texto lexislativo baixo a premisa de tres eixos fundamentais. “O primeiro, respectar os acordos plenarios de 13 concellos e o acordo da Xunta de Goberno do Concello de Vigo para manter inalterable o consenso acadado arredor do proxecto de Lei; o segundo, deixar intacta, ou incluso reforzar, a autonomía local para que o desenvolvemento da lei dependa estritamente dos seus protagonistas; e, por último, mellorar tecnicamente o texto sen modificar o seu espírito”, sinalou.



Deste xeito, referiuse ás tres emendas presentadas polo Grupo Popular, co obxectivo de fixar na cidade de Vigo a capitalidade do área e o seu tratamento no referente á dotación de servizos por parte do Estado, a Xunta e a Deputación de Pontevedra.



A segunda emenda trata da participación do área metropolitana de Vigo nos tributos do Estado e da Xunta destinados ás entidades locais, puntualizando que “o feito da existencia desta nova entidade non debe xerar gastos adicionais para os contribuíntes, xa que o sentido do nacemento da área é precisamente unha mellora nos servizos públicos e na súa xestión”.



En terceiro lugar, o Grupo Popular afonda na necesidade de regular as futuras ampliacións que poida ter a área metropolitana. “Entendemos que é precisa a vinculación económica e social e tamén o carácter limítrofe do concello, xa que precísase que haxa cohesión territorial”, sinalou.



LEXISLATURA DE VIGO



Javier Dorado amosou a súa satisfacción porque “esta lexislatura pasará á historia como a lexislatura de Vigo”, facendo referencia “á posta en marca de actuacións como o novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro; a limpeza da ría de Vigo coa depuradora que está a piques de rematar; o transporte metropolitano; a chegada do AVE a Vigo; a transformación do Casco Vello; a aprobación da lei que desbloqueou o caos urbanístico municipal; a consolidación de Citröen; o rexurdir do naval; o inicio da primeira estación intermodal de Galicia; a posta en marcha dos mimbres para o Vigo do futuro, coa ampliación de Navia, a Cidade da Xustiza, a Plisán ou  a Biblioteca do Estado; ou da ampliación da ponte de Rande ou do desdobramento do corredor do Morrazo



“Vigo poderá facer balance desta lexislatura e verá como hai políticos que cumpren coas súas obrigas coa cidade, aínda que queda moito por facer”, asegurou o deputado popular, quen engadiu que “rematamos a lexislatura coa sensación do deber cumprido e un compromiso: que a seguinte tamén sexa a lexislatura de Vigo para cumprir cos deberes que aínda quedan por facer”.  

Síguenos nas redes sociais