Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG escoita propostas de emprendedores sabendo que o emprego é o "primeiro reto"

11 Xul 2016
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, mantivo hoxe unha reunión con membros da directiva da Federación Galega de Xoves Empresarios (AJE Galicia) na súa sede situada no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.
 
Acompañado por membros do equipo redactor do programa electoral como o coordinador de Economía e Emprego Borja Verea ou o deputado Gonzalo Trénor, Tellado salientou que o PPdeG ten iniciado xa o proceso de “recoller propostas de cara á elaboración do programa electoral” das vindeiras eleccións autonómicas para elaborar “a folla de ruta do próximo goberno de Galicia para o horizonte 2016-2020”.
 
Nese propósito enmarcou a xira emprendida polo candidato Alberto Núñez Feijóo a distintos concellos da Comunidade, así como as reunións de “responsables do partido e membros do equipo redactor do programa” con entidades sociais. 
 
O PPdeG, destacou Tellado, “como partido que quere representar á maioría social de Galicia” debe “saber escoitar aos colectivos que conforman unha sociedade activa e dinámica como é a galega”.
 
Dentro destes colectivos, Tellado quixo salientar ao de xoves empresarios xa que, afirmou “son os que xeran as condicións necesarias para crear emprego” nunha Galicia que ten esa creación de emprego como “primeiro reto para que a consolidación da recuperación económica chegue a todos”.
 
Nese sentido destacou que foi o actual goberno da Xunta “o que aprobou a primeira Lei de emprendemento de Galicia”, que “ten permitido poñer enriba da mesa ferramentas para os emprendendores” como puideron ser a eliminación con carácter xeral das licenzas municipais de actividade, as deducións fiscais para os investidores que empreguen o seu capital en facer achegas a empresas de nova creación ou a posta en marcha de servizos e axudas para achegar ás PEMES maiores posibilidades de internacionalización e de innovación.
 
“OU UN GOBERNO ESTABLE OU UN GRAN LÍO”

Tras explicar as iniciativas desenvolvidas polo PPdeG para achegarse á rúa e ao tecido social para transformar as súas inquedanzas en propostas de goberno, Tellado contrastou esta actividade coa de outros partidos que “prefiren dedicar este tempo a debater internamente se este señor ten que ser senador, se este outro ten que ir nas listas ou quedar fora ou se teñen que confluír ou non teñen que confluír”.

Fronte a un partido que xa ten a un candidato e a un equipo redactor configurando un programa de goberno “estable, sólido e solvente”, o número dous do PPdeG só ve enfronte “un lío que pouco ou nada pode ofrecer a Galicia” formado por “organizacións sen candidato e candidatos sen organización”.

Este “gran lío” que será o rival do PPdeG nas eleccións de outono está composto, explicou Tellado por “os restos do Bloque Nacionalista Galego”, “Mareas ou como queiran que se chamen” e un PSdeG nunha “situación de deterioro continuado”. 

O secretario xeral dos populares galegos pronosticou que este partido protagonizará no Pleno de mañá, a conta da designación de senadores autonómicos, “un novo espectáculo que demostra que elixiron candidato a que non é capaz de liderar ao seu propio partido”.

 

Síguenos nas redes sociais