Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy destaca que ningunha das leis do pleno de mañá tivo voto en contra en comisión

11 Xul 2016

Esta situación “demostra que o PP ofrece estabilidade institucional, ao tempo que diálogo coa oposición”, asegura o portavoz popular



PEDRO PUY DESTACA QUE NINGUNHA DAS LEIS QUE MAÑÁ SE APROBARÁN NO PLENO TIVO VOTO EN CONTRA NO SEU DEBATE EN COMISIÓN




Santiago, 11 de xullo de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que todos os textos lexislativos que mañá se debaterán para a súa aprobación en Pleno “chegan sen ningún voto en contra en Comisión, o que demostra que o PP ofrece estabilidade institucional, ao tempo que diálogo coa oposición”.



Pedro Puy informou que o Pleno elixirá mañá aos tres senadores en representación da Comunidade galega, dos que dous corresponden ao Partido Popular: Juan Manuel Jiménez Morán e Fernando Carlos Rodríguez Pérez. Así mesmo, designarase aos novos membros do Consello Social da Universidade de A Coruña, que por parte do Grupo Popular proponse a Luis Ramiro Díaz López, presidente da empresa de enerxías renovables Vectia, S.L.; Luis Felipe Llamas Gómez, director da refinería de Repsol en A Coruña; e o letrado e asesor concursal Jaime Fernández-Obanza Carro.



Ademais da comparecencia da Valedora do Pobo para dar conta do seu informe anual correspondente a 2015, a sesión plenaria terá un marcado carácter lexislativo, co debate e votación definitiva de seis proxectos lexislativos: o proxecto de Lei polo que se modifica a Lei da área metropolitana de Vigo; o proxecto de lei de creación do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia; o proxecto de Lei de creación dos colexios provinciais de economistas por fusión dos colexios de titulares mercantís e de economistas existentes na Comunidade galega; o proxecto de Lei do Plan galego de estatística 2017-2021; a proposición de lei (impulsada polo Grupo Popular) de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia; e a proposición de modificación da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.



Ademais, o Grupo Popular defenderá dúas proposicións non de lei. Unha primeira, a través da que se demanda a adhesión do Concello de Vigo ao Programa de vivendas baleiras da Xunta, de xeito que aquelas vivendas desocupadas se destinen a alugueiro social; e unha segunda para que a Xunta estenda progresivamente a plataforma E-Saúde a toda a cidadanía galega, a través da que calquera galego poderá acceder por procedementos informáticos a servizos e contidos sanitarios personalizados.



INFORME INCONTROVERTIDO SOBRE O ACCIDENTE



Cuestionado sobre o informe da Comisión Europea respecto da investigación do accidente de Angrois, Pedro Puy reiterou que “tanto as familias das vítimas, como os seus achegados e o conxunto da sociedade teñen dereito a un informe incontrovertido sobre as causas do accidente”, polo que amosou a disposición do PPdeG “a falar e acordar” no Parlamento galego neste sentido.



“O sentir xeral do Grupo Popular é que tanto as vítimas como o conxunto da sociedade teñen dereito a saber a verdade e que exista un informe técnico incontrovertido, polo que todo o que sexa camiñar cara a ese informe estamos dispostos a apoialo”, manifestou.



Respecto da solicitude de creación dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois no Parlamento galego, o portavoz popular lembrou que ningunha das Cámaras autonómicas ten competencia para controlar a altos cargos ou membros da Administración do Estado, polo que “non é o lugar adecuado nin operativo para facer unha comisión de investigación na que non comparecerían ningún dos responsables da infraestrutura, da liña ou do servizo”. “Cremos que con estes temas non se debe xogar, polo que debe facerse alí onde reside a capacidade e a competencia de controlar aos altos cargos do Estado”, apuntou.

Síguenos nas redes sociais