Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Modificación Lei violencia de xénero incorpora ás axudas as vítimas de trata

04 Xul 2016


APROBADO O DITAME DA MODIFICACIÓN DA LEI DE VIOLENCIA DE XÉNERO QUE ESTENDE O PRAZO DE SOLICITUDE DE AXUDAS A TODO O ANO E INCORPORA ÁS MULLERES VÍTIMAS DE TRATA



Santiago, 4 de xullo de 2016.- A Comisión 5ª do Parlamento galego aprobou esta mañá o ditame do proxecto de lei de modificación da Lei 11/2007 galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de xeito que o prazo para a solicitude de axudas se estenda a todo o ano e se permita o acceso das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual a estas percepcións. O texto lexislativo queda en disposición da súa aprobación definitiva en sesión plenaria.



A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Rosa Oubiña, lembrou que estas prestacións económicas para as mulleres vítimas de violencia machista “están establecidas desde a aprobación da Lei galega 11/2007, polo que se veñen convocando anualmente e o seu orzamento foise incrementando ano tras ano”.



MODIFICACIÓN DA NORMATIVA VIXENTE



En concreto, Oubiña lembrou que o Grupo Popular xa manifestou no debate de toma en consideración da proposición de lei presentada polo BNG e despois nas emendas rexistradas que o obxectivo “non era levar adiante este novo texto lexislativo, senón proceder á modificación da lei vixente en dúas cuestións: a incorporación das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual para que poidan acceder ás prestacións económicas e que o prazo para a solicitude destas axudas se amplíe a todo o ano”.



A portavoz popular sinalou que estas axudas, “que levan dez anos creadas, teñen como finalidade posibilitar a independencia económica das vítimas respecto do seu agresor, rachando coa situación traumática que padecen as mulleres que sofren violencia de xénero”.



O ditame aprobado pola Comisión 5ª incorpora ademais que a Xunta establecerá estas prestacións a través dunhas bases reguladoras, ao tempo que remitirá ao Parlamento galego un informe anual sobre estas prestacións periódicas.

Síguenos nas redes sociais