Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Aprobada en Comisión modificación Lei Área Metropolitana de Vigo

01 Xul 2016


APROBADA EN COMISIÓN A MODIFICACIÓN DA LEI DA ÁREA METROPOLITANA DE VIGO, QUE QUEDA PENDENTE DO SEU DEBATE DEFINITIVO EN PLENO



·    Recoñécese a cidade de Vigo como capital da área, que terá un tratamento propio na dotación de servizos públicos; así como a necesidade de que os novos concellos que se incorporen ao ente sexan limítrofes e teñan vinculación económica



Santiago, 1 de xullo de 2016.- A Comisión 1ª do Parlamento galego aprobou hoxe, coa única abstención de AGE, o ditame da modificación da Lei da área metropolitana de Vigo, co que o texto queda en disposición da súa aprobación en sesión plenaria. O deputado do Grupo Popular Javier Dorado salientou que esta norma da “cobertura legal a unha realidade social existente, respectando os vínculos sociais, económicos e industriais que ten toda a área de Vigo”.



Dorado afirmou que esta modificación da Lei da área metropolitana de Vigo “respecta o espírito” da norma aprobada en 2012 no Parlamento e polos 14 concellos que integran este ente supramunicipal, “mantendo o autogoberno e autonomía tanto da área como dos propios municipios”.



MELLORAS TÉCNICAS



Respecto das emendas presentadas polo Grupo Popular e que hoxe foron aprobadas e incorporadas no ditame, Javier Dorado asegurou que “fan melloras técnicas e enriquecen o texto inicial”.



O deputado popular apuntou que estas emendas recoñecen á cidade de Vigo como capital da área metropolitana, que terá un tratamento propio na dotación de servizos públicos; así como a necesidade de que os novos concellos que se incorporen ao ente cumpran os requisitos de ser limítrofes e ter vinculación económica coa área.



Dorado tamén se referiu ao financiamento da área metropolitana de Vigo e a súa participación nos tributos do Estado e da comunidade autónoma. “O feito de que exista a área debe responder a unha maior eficiencia na xestión dos recursos públicos: o espírito non é xerar máis gasto, senón mancomunar servizos e ter menos gasto corrente”, apuntou.



Por último, o deputado popular referiuse á posibilidade de chegar a acordos con concellos que non pertenzan á área metropolitana pero que teñan interese económicos comúns. Neste sentido, puxo como exemplo o transporte público existente na área sanitaria de Vigo, logo da apertura do novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro, que cualificou como “o máis completo que hai en toda Galicia e que mellorará coa área metropolitana”. 

Síguenos nas redes sociais