Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

“Fronte aos que están eufóricos na súa derrota, nós mantémonos prudentes na vitoria"

01 Xul 2016

O secretario xeral do PPdeG asume o rol de director de campaña coa consciencia de que “nada está gañado”

Tellado fuxe de triunfalismos: “Fronte aos que están eufóricos na súa derrota, nós mantémonos prudentes na nosa vitoria”

Ve nos resultados unha “oportunidade” que os votantes lle dan ao PPdeG para “seguir mellorando” e para “non relaxarse” nin caer na “soberbia que afundiu aos nosos rivais”
 
Lembra que, cos resultados do domingo en autonómicas, podería darse un bloqueo “que privase aos galegos dun goberno estable” 
 
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, resumiu hoxe o contido do Comité de Dirección celebrado onte na sede autonómica do partido e no que se analizaron os resultados das eleccións xerais do pasado domingo e se tomaron as primeiras decisións para preparar as eleccións autonómicas do próximo outono.
 
No referente ao primeiro, Tellado lembrou que o domingo o PPdeG “conseguiu convencer a 40.000 votantes máis que nas eleccións de decembro”, unha suba que, en termos porcentuais está por riba da suba media do PP no conxunto do Estado.
 
En contraste, os partidos da oposición no seu conxunto perderon máis de 100.000 votos respecto a decembro. “Estamos falando dunha perda de 583 votos ao día nestes últimos seis meses”, salientou Tellado.
 
O número dous do PPdeG destacou que estes resultados permitiron aos populares galegos “enviar dúas deputadas máis ao Congreso”, chegando aos 12 deputados.
Porén, o secretario xeral fixo unha chamada a evitar a autocomplacencia: “a diferenza de outros partidos que están eufóricos na súa derrota nós mantémonos fríos e prudentes na nosa vitoria”, resolveu.
 
AUTOCRÍTICA
 
Tellado quixo lembrar que “o camiño da prudencia e da autocrítica ten sido a chave da nosa mellora” e fixo un chamamento a continualo para poder seguir medrando.
 
Neste sentido, o secretario xeral destacou que este cambio de tendencia vén motivado pola autocrítica comezada despois dos resultados dunhas europeas e dunhas municipais que “tamén gañamos, pero cuns resultados que consideramos moi por debaixo dos nosos obxectivos”.
 
Tras isto, rememorou, o PPdeG tomou “decisións para reverter este proceso” e reforzar “os que estaban a ser os nosos puntos débiles”, entre as que destacou o proceso de renovación provincial e autonómico, as iniciativas para achegar o partido á cidadanía mediante a Ponencia Política presentada fai un ano ou o reforzo dende o goberno galego dos aspectos nos que os votantes esixían cambios: rexeneración política, a través do Programa de Impulso Democrático e benestar social a través do Plan de Loita contra a Desigualdade Económica. 
 
Tellado considerou que os resultados do domingo avalan que ese proceso “deu resultado” ao comezar a “recuperar votos”. Sen embargo, alertou de que este cambio de tendencia “non nos pode poñer nunha nube nin facer crer que todo esta feito”.
 
O secretario xeral do PPdeG fixo un chamamento a entender este incremento dos apoios como “unha sinal de que vamos no bo camiño e, ao mesmo tempo, un estímulo para non relaxarse e seguir mellorando as eivas que detectamos no proceso de autocrítica”.
 
“A autocrítica salvounos a nós e a soberbia afundiu aos novos rivais”, destacou Tellado para argumentar que os resultados electorais non poden levar ao PPdeG á autocomplacencia que levou “a algún dos nosos rivais políticos, como as Mareas, a levarse un batacazo”.
 

Tras analizar o resultado das xerais, o secretario xeral do PPdeG relatou que o Comité de Dirección de onte centrouse “no proceso de preparación das eleccións autonómicas de outono”.

“NADA ESTÁ GAÑADO”

Tellado lembrou que este proceso xa comezara coa designación do equipo redactor do programa liderado por Pedro Puy e coa constitución das comisións sectoriais destinadas a escoitar voces externas en determinadas áreas pero que onte completouse coa designación do Comité de Campaña que el mesmo dirixirá.

Ese Comité deseñará unha campaña “de contacto directo e de proximidade”, semellante á desenvolvida nestas xerais. “Do mesmo xeito que aprendemos dos erros, tamén aprendemos dos acertos”, afirmou Tellado, que considerou esa campaña “de escoitar máis que de falar” un dos grandes acertos da campaña das xerais.

Nese sentido, avanzou que o candidato do PPdeG iniciará a partir da vindeira semana “unha intensa axenda de partido” a pé de rúa.

O número dous dos populares galegos fuxiu de triunfalismos ao lembrar que os resultados do domingo “aínda non están ao nivel das últimas autonómicas” e poderían levar, de repetirse en outono, a un “bloqueo que privase aos galegos dun goberno estable”.

Tellado resaltou a vantaxe organizativa coa que o PPdeG inicia a carreira electoral ao ter candidato designado, equipo redactor do programa en marcha e comité de campaña nomeado mentres en fronte “temos ou candidatos sen organizacións ou organizacións sen candidato”.

Así, chamou a aproveitar esa vantaxe para comezar a traballar no reto “complicadísimo” de que “Feijóo sexa o único presidente con estabilidade parlamentaria en toda España”.

“Concentrar o voto en Feijóo é o único xeito de ter un goberno serio e estable en Galicia” pero para iso “queda moito por facer” e “nada está gañado”, remarcou.

 

Síguenos nas redes sociais