Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento insta á Xunta aumentar esforzos mellorar cobertura vacinación da gripe

28 Out 2015


O PARLAMENTO APROBA INSTAR Á XUNTA A AUMENTAR OS ESFORZOS PARA MELLORAR A COBERTURA DA VACINACIÓN DA GRIPE



·    “Non estamos ante unha cuestión menor, porque só o pasado ano a gripe causou o triplo de persoas falecidas que nas nosas estradas”, dixo Santalices



·    A campaña de vacinación comezou o pasado 19 de outubro e existen 530.000 doses para distribuír principalmente nos centros de saúde, centros penitenciarios ou residencias da terceira idade



Santiago, 28 de outubro de 2015.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de PSOE, AGE e BNG, a través da que se insta á Xunta a aumentar os esforzos que ven realizando para mellorar a cobertura poboacional con respecto da vacinación da gripe. O portavoz popular de Sanidade, Miguel Santalices, situou como obxectivo para o presente ano unha cobertura do 65 por cento para os maiores de 65 anos; do 35 por cento para as persoas entre 60 e 64 anos; e tamén do 35 por cento para o persoal sanitario.



Miguel Santalices explicou que “a gripe é unha enfermidade leve que afecta a moita xente, especialmente a uns determinados colectivos, como maiores de 60 anos, traballadores en centros pechados, mulleres embarazadas ou persoas con patoloxías que poidan ter complicacións respiratorias ou cardiovasculares”.



Así, o portavoz popular sinalou que “non estamos ante unha cuestión menor, porque só o pasado ano a gripe causou o triplo de persoas falecidas que nas nosas estradas”. “Na medida en que incrementemos a vacinación estaremos diminuíndo a porcentaxe de mortalidade”, apuntou.



Santalices anotou que “a gripe asóciase ás complicacións das enfermidades crónicas” e neste sentido dixo que das 1.978 persoas atendidas por gripe en Galicia durante o pasado ano, 709 tiveron que ser ingresadas como consecuencia das complicacións que lles provocou esta enfermidade. Ademais, indicou que a estancia media destes enfermos situouse nos 11 días, “unha estancia elevada porque estamos ante complicacións graves”.



900 PUNTOS DE VACINACIÓN



Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que a campaña de vacinación antigripal deste ano comezou o pasado 19 de outubro. Existen 900 puntos de vacinación en toda Galicia, especialmente nos centros de atención primaria e especializada, centros penitenciarios e residencias da terceira idade, onde se distribuirán 530.000 doses de vacina.



“Para 2015 marcámonos como obxectivo que a vacina contra a gripe teña nos maiores de 65 anos unha cobertura por enriba do 65 por cento, superando o 52 por cento do pasado ano; para as persoas de 60 e os 64 anos marcamos o obxectivo do 35 por cento, por enriba do 20 por cento do 2014; e para os traballadores sanitarios o obxectivo é do 35 por cento, fronte ao 18 por cento do pasado ano”, concretou.



Miguel Santalices subliñou a necesidade de “sensibilizar coa importancia que ten a vacina desde todos os ámbitos, administracións públicas, consultorios de atención primaria e especializada, Facultade Medicina ou desde o propio Parlamento e as escolas”.

Porén, lamentou que os grupos da oposición no apoiaran esta proposición, demostrando que “están máis porque a xente non se vacine e evitar consecuencias posteriores para a súa saúde e para o sistema sanitario galego”. 

Síguenos nas redes sociais