Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

GPP asegura que en Galicia todas as mulleres teñen acceso á reprodución asistida

28 Out 2015



O GRUPO POPULAR ASEGURA QUE EN GALICIA NIN SE EXCLUÍU NIN DISCRIMINOU NO ACCESO A TRATAMENTO DE REPRODUCIÓN ASISTIDA ÁS MULLERES CON OU SEN PARELLA DO MESMO SEXO



Santiago, 27 de outubro de 2015.- A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marta Rodríguez-Vispo, asegurou esta tarde no Parlamento que “as mulleres en Galicia, independentemente de que teñan parella do mesmo sexo ou non teñan parella, nunca se excluíron nin se discriminaron no acceso ao tratamento de reprodución humana asistida”



Porén, Rodríguez-Vispo defendeu que “a Xunta de Galicia garanta o acceso ás técnicas de reprodución asistida no Sergas a todas as mulleres sen discriminación, comprometéndose a ofrecer este servizo sanitario público a mulleres sen parella ou sen parella varón que o soliciten”.



PROTOCOLO A SEGUIR



“En Galicia non existe nin existirá ningún tipo de discriminación na aplicación dos tratamentos de reprodución  humana asistida ás mulleres”, asegurou a portavoz popular. Neste sentido, lembrou a comparecencia no Parlamento o pasado 21 de outubro da secretaria xeral da Consellería de Sanidade sobre este mesmo tema onde concretou que “no Servizo Galego de Saúde se sigue un protocolo onde en absoluto se exclúe nin se discrimina ás mulleres que non teñan parella ou teñan parella do mesmo sexo”.



Marta Rodríguez-Vispo apuntou que en Galicia “dispoñemos dunha guía técnica do proceso de reprodución humana asistida que xa leva anos funcionando e que se revisa periodicamente para poñerse ao día dos avances no coñecemento e o tratamento da infertilidade e das novas técnicas nos procesos asistenciais de reprodución asistida”.



“Esta guía recolle os criterios xerais de inclusión, como os límites de idade, a esterilidade ou a presenza de enfermidades hereditarias ou xenéticas; así como os criterios xerais de exclusión, como pode ser a existencia de contraindicación médica para o tratamento ou a xestación”, indicou a portavoz popular.

Síguenos nas redes sociais