Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy:os galegos xóganse nas eleccións estabilidade dun Goberno que saca país da crise

27 Out 2015



PEDRO PUY AFIRMA QUE OS GALEGOS XÓGANSE NAS  ELECCIÓNS XERAIS “A ESTABILIDADE DUN GOBERNO QUE SACA AO PAÍS DA CRISE E A ESTABILIDADE DAS INSTITUCIÓNS”



·    O portavoz do Grupo Popular alertou, a preguntas dos xornalistas, de que “forzas que non son capaces de pactar coalicións chegaran a ser decisivas na conformación do Goberno”



Santiago, 26 de outubro de 2015.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou  hoxe que os galegos xóganse nas vindeiras eleccións xerais do 20 de decembro “non só a estabilidade dun goberno que saca ao país da crise, senón a estabilidade dunhas institucións cuestionadas por algunha das forzas emerxentes, que aproveitan a crise e os seus efectos para cuestionar a historia de éxito da Constitución e dos estatutos da autonomía”.



A preguntas dos xornalistas, Puy manifestou que desde o Partido Popular de Galicia “abordamos a campaña coa máxima predisposición para explicar o forte compromiso do Goberno de Rajoy non so coa recuperación económica senón tamén coa Comunidade galega”. En concreto, sinalou que o traballo do Goberno central respecto a Galicia nestes últimos anos “vese non so nas medidas adoptadas para que a economía mellore, senón tamén coas políticas de infraestruturas”, lembrando as críticas desde diversos puntos da xeografía española “ao investimento que fai o Ministerio de Fomento en Galicia, non so no AVE senón tamén en autoestradas”.



“O que imos facer todos os deputados e o conxunto do PP de Galicia é intentar explicar e facer un balance obxectivo de como evolucionaron as cousas e do moito que se fixo nestes catro anos polo Goberno de Mariano Rajoy”, indicou o portavoz popular. Neste sentido, avogou por “facelo o mellor posible para non só corrixir a evolución electoral que se constatou nos últimos procesos electorais, senón para conseguir un resultado que permita ao actual Goberno central continuar coa labor de recuperación e de saída da crise que está a conseguir nun prazo de tempo récord”.



BALANCE FAVORABLE CON GALICIA



Deste xeito, lembrou que cando Rajoy chegou á Presidencia do Goberno central “falábase de intervención, rescate e que o país estaba en quebra, e agora somos a economía de Europa que presenta unha taxa de crecemento maior, que permite reducir o déficit e incrementar o gasto social”.



Puy sinalou que o PP de Galicia acode a estas eleccións xerais  coa “ilusión de acadar un bo resultado, explicando que é o que houbo que facer, tanto no plano do que afecta a todos os españois como no balance coa nosa terra”, que considerou “favorable logo de moitos anos investindo por enriba do que antigamente demandaban os grupos da oposición que se incluíse no Estatuto de Autonomía”.



Ademais, en resposta aos xornalistas, Pedro Puy engadiu que “Galicia se xoga estabilidade, non só do seu Goberno, senón tamén das súas institucións” e alertou de que “forzas que son incapaces de pactar coalicións chegaran a ser decisivas na conformación do Goberno”. “Esa inestabilidade partidaria se trasladaría ás institucións e ao Goberno”, asegurou.

Síguenos nas redes sociais